O Parlamento galego aprobou o 18 de novembro de 2025, por petición de todos
os grupos da cámara, esta declaración institucional sobre o dereito das
comarcas de Ferrolterra, O Eume e Ortegal a unhas conexións ferroviarias do
século XXI, atendendo ás demandas do Foro Cidadán polo Ferrocarril e sumándose
a anteriores declaracións institucionais, tanto do Concello de Ferrol como da
Mancomunidade, no mesmo sentido, e que se recollen deseguido:
- Instar o Goberno do Estado a, de maneira inmediata, restituír as frecuencias e os horarios entre Ferrol e A Coruña que existían ata o 9 de xuño, incluíndo a relación directa con Madrid e o incremento das frecuencias entre Ferrol e A Coruña, para cumprir as necesidades de mobilidade da cidadanía. Isto comporta aumentar o número de unidades para poder realizar un servizo ferroviario eficaz e eficiente (que non haxa vehículos de Renfe “ociosos" que poidan prestar o seu servizo).
- Instar o Goberno do Estado a iniciar este ano
2025 o estudo informativo para a modernización da infraestrutura
ferroviaria Ferrol-Betanzos Infesta-A Coruña para que sexa unha liña do
século XXI, que permita a integración da comarca de Ferrol co resto da
rede ferroviaria galega e co exterior, onde se inclúa a rectificación de
curvas, a renovación de túneles, a duplicación de vía, a electrificación,
puntos de cruzamento para mercadorías de 750 metros, como exixe a Unión
Europea, e a súa inclusión no Corredor Atlántico, tanto de viaxeiros como
de mercadorías. Este investimento ten que supoñer unha redución
considerable dos tempos de viaxe para que sexan competitivos con outros
modos de transporte e co vehículo privado.
- Instar o Goberno do Estado a resolver este ano
2025 as alegacións ao proxecto de construción do bypass de
Betanzos-Infesta e iniciar este ano a redacción do proxecto.
- Instar o Goberno do Estado a mellorar e
modernizar a infraestrutura e os servizos de proximidade entre Ferrol e
Ortigueira. O tren de vía estreita non pode continuar cun proceso de
degradación progresiva, dado que é vital para a vertebración de todo o
norte de Galicia entre Ferrol e Ribadeo.
- Instar o Goberno do Estado a crear un servizo de
proximidade ferroviario entre Ferrol e A Coruña. Trátase de vertebrar da
forma mais eficiente un espazo urbano onde residen máis de 600.000
persoas, que permita unha mobilidade sustentable, creando unha auténtica
alternativa de transporte
- Instar o Goberno do Estado á intermodalidade dos
diferentes modos de transporte para crear unha rede de transporte comarcal
onde estean incluídos todos os modos de transporte colectivos existentes
(os trens de proximidade, os trens rexionais, os autobuses urbanos e
interurbanos e os taxis), con horarios e tarifas integradas. Esta rede de
transporte suporía a transformación das actuais estacións de tren e de
autobuses de Ferrol nunha única estación intermodal máis moderna e
funcional. Por iso é necesaria a sinatura, neste ano 2025, do convenio de
construción da estación intermodal entre o ADIF, a Xunta de Galicia e o
Concello de Ferrol e revisar o número de apeadeiros en toda a liña para
que poidan cumprir a función de accesibilidade adecuada, mellorando o
acceso, e que toda a poboación se beneficie deles.
- Instar o Goberno do Estado a integrar o Porto
Exterior e Interior na rede ferroviaria moderna, coa inclusión do Porto
Exterior e Interior na Rede Básica Transeuropea de Transporte (RTE-T) de
transporte ferroviario de mercadorías, xunto cos tramos Ferrol-Betanzos
Infesta-Lugo-Monforte de Lemos para un maior desenvolvemento industrial e
económico da comarca.
- Instar a Xunta de Galicia a solicitar o traspaso
dos medios e dos servizos de viaxeiros por ferrocarril para a xestión
ferroviaria dun verdadeiro servizo de proximidade á Comunidade Autónoma de
Galiza como existe noutras comunidades autónomas, dado que non hai
impedimentos legais para iso, o que suporía unha xestión máis próxima,
tanto para a Administración como para a cidadanía. A transferencia das
competencias debe incluír, previa e necesariamente, o compromiso do
Goberno central de rematar todas as obras pendentes, o traspaso de
material e o financiamento necesario.
- Instar o Goberno do Estado a impulsar as
actuacións necesarias para garantir a chegada efectiva da alta velocidade
ferroviaria ás cidades de Ferrol e de Lugo, asegurando a súa plena
integración no Eixo Atlántico de Alta Velocidade.
.jpeg)