jueves, 6 de noviembre de 2025

A Xunta dá luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico Escorial Vinteún en Ourense, coa previsión de urbanizar solo para máis de 1.600 vivendas

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) Escorial Vinteún de Ourense, co que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) prevé urbanizar solo para construír máis de 1.600 vivendas en réxime de protección pública na cidade.

O informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado próximamente no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes incluídos no documento co fin de preservar os valores de patrimonio cultural e os espazos fluviais existentes na contorna así como favorecer unha axeitada integración paisaxística do proxecto. 

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador de PIA como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal web da Consellería para que o público en xeral puidese consultalos e facer as observacións ou suxestións que considerase oportunas. 

Unha vez emitido o informe ambiental estratéxico, remítese ao promotor e ao órgano substantivo xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e, posteriormente, farase público mediante publicación tanto no DOG como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. 

O ámbito de actuación do PIA é un espazo de máis de 16 hectáreas de extensión situado ao noroeste do concello de Ourense que linda ao sur e ao oeste co barrio do Vinteún, delimitado polas estradas N-525 ao oeste, N-544 de acceso a Ourense ao nordés e a OU-0551 ao sur. Nesta área prevese a construción de máis de 1.600 vivendas, a maioría delas en réxime de protección pública. 

O solo afectado está ocupado maioritariamente por pasteiros e sebes. O PIA establece como uso característico o residencial en vivenda colectiva, maioritariamente protexida,  así como o uso terciario nas plantas baixas dos edificios, e a ordenación parte da creación dunha zona verde central vinculada ao rego do Cudeiro, que actúa como elemento estruturante e que integra a vexetación de ribeira existente. De feito, este espazo definirá unha rede de percorridos peonís que conectan a trama urbana existente ao sur co trazado do Camiño de Santiago ao noroeste.