viernes, 24 de octubre de 2025

Rueda agarda que a creación do grupo de traballo con AENA contribúa a mellorar a conectividade e aproveitar o potencial dos aeroportos galegos

 


Onte o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse co presidente de AENA, Maurici Lucena. Ao remate, Rueda salientou o encontro como unha “reunión frutífera, sobre todo como punto de partida de todo o que eu agardo que veña a partir de agora”.

O presidente puxo en valor a celebración desta reunión “entre as dúas entidades que temos competencias sobre o territorio”, e ofreceu o apoio do seu Goberno para acadar unha solución á cuestión da conectividade e así aproveitar o potencial dos aeroportos galegos.

Ademais, manifestou o seu desexo de que o grupo de traballo creado para abordar a conectividade dos aeroportos galegos o faga pola vía do consenso: “Que sigamos falando co resto dos interesados, como concellos, tecido económico e turístico, sobre un convencemento: temos unha situación que solucionar e temos que facelo xuntos. E as propostas, para que funcionen, terán que ser propostas conxuntas e analizadas sobre bases técnicas”, destacou Rueda.

O obxectivo deste grupo de traballo é ter un diagnóstico sobre a situación dos tres aeroportos, con datos técnicos e fiables que permitan establecer un plan de actuación de cara a mellorar a conectividade de Galicia: “Hai que analizar a situación, que está pasando, e que podemos facer para que todo este mellore sobre bases sólidas”, salientou o presidente.

Mellor coordinación

Neste sentido, apelou pola cooperación entre administracións, xa que “de nada vale competir uns aeroportos contra outros ou uns concellos contra outros”, e salientou que o único obxectivo do Goberno galego e velar pola conectividade, “por encima de beneficios concretos”.

Por último, quixo agradecer a vontade por parte de AENA de traballar conxuntamente por que a situación mellore, como parte fundamental para chegar a unha solución: “Todos temos a responsabilidade e a obriga de que esta situación mellore. Eu por iso me alegro de que AENA vaia ser parte da solución, e agradezo a disposición de que as propostas vaian para diante tamén coa súa presencia”, rematou o presidente.

Cómpre recordar que dito grupo de traballo créase tras a petición formulada pola Xunta neste sentido con motivo da reunión do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia, celebrada en Vigo a principios deste mes de outubro. A primeira reunión deste grupo celebrarase o 5 de novembro en Santiago de Compostela.