domingo, 26 de octubre de 2025

O PPdeG pedirá explicacións ao Goberno central o martes no Congreso sobre a gratuidade e transferencia a Galicia da AP-9

Esta mañá desde o PP de Galicia difundiron esta nota de prensa:

O PPdeG pedirá explicacións ao Goberno central o martes no Congreso sobre a gratuidade e transferencia a Galicia da AP-9


    O deputado Celso Delgado formulará unha pregunta na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible na que tamén cuestionará as “decepcionantes” emendas presentadas esta semana polo PSOE


"O Partido Popular de Galicia vai pedir explicacións ao Goberno central, este martes no Congreso, sobre as posibilidades da gratuidade e a transferencia da autoestrada AP-9 a Galicia.


Será durante a Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible, na que está previsto que o deputado Celso Delgado formule unha pregunta ao Executivo de Sánchez.



Delgado cuestionará se o Goberno “ten vontade de iniciar a tramitación do rescate da concesión e liberalización da peaxe da AP-9 por ser esta a alternativa máis vantaxosa para o interese público” e aproveitará tamén para xulgar as “decepcionantes” emendas á proposición de lei orgánica de traspaso da autoestrada presentadas esta semana polo PSOE.


“Dixemos que nos iamos manter vixiantes e esixentes, e seguimos cumpríndoo, ata lograr o que todos ansiamos desde o primeiro día: unha AP-9 galega e sen peaxes”, expresa o deputado do PPdeG e vicepresidente segundo da devandita Comisión.


Despois de case seis anos de espera e máis de 60 bloqueos no Congreso, os populares non entenden que o PSOE “se rebele ante a decisión unánime do Parlamento de Galicia e ante o desexo dos galegos”.


“Este martes ímoslle dicir á cara ao Goberno de Sánchez que as súas intencións de paralizar a transferencia non son as correctas e que non poden tratar de volver a enganarnos. Teñen que recapacitar”, sinala Delgado, que tamén lle pide ao BNG “menos vitimismo” cando “son socios de Sánchez” e “ata a semana pasada lanzaban mensaxes triunfalistas”.