lunes, 29 de septiembre de 2025

Galicia pechou 2024 co 100% do orzamento executado e reduciu a débeda en 234 m€


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que a Conta Xeral da Comunidade Autónoma correspondente ao exercicio 2024 amosa que Galicia pechou o ano co 100% do orzamento executado – case 900 millóns de euros máis que en 2023- e logrou reducir a súa débeda en 234 millóns. 

Un documento que, segundo resaltou, confirma “a solvencia” das contas autonómicas. Tal e como explicou o presidente, a Conta Xeral destaca tamén que Galicia acadou “un superávit do 0,23% do PIB”, obtendo unha capacidade de financiamento de 191 millóns de euros. Esta capacidade de financiamento compatibilizouse cunha execución do gasto non financeiro de preto do 100% dos créditos iniciais, aumentando preto de 853 millóns con respecto ao exercicio anterior. 

 Así mesmo, mostra que a débeda da Comunidade autónoma galega se situaba, en 31 de decembro, no 14,5% do seu PIB autonómico, cumpríndose o obxectivo máximo de débeda que o Goberno galego tiña fixado inicialmente e que era do 14,9%. A minoración da débeda foi de 234 millóns de euros, pasando de 12.170 millóns a finais de 2023 a 11.936 millóns a finais de 2024. Rueda lembrou que proba da solvencia da Facenda económica é que no 2024 se rescataron catro autovías galegas, o que permitiu aforrar nos orzamentos futuros máis de 300 millóns de euros, xa que a partir deste ano non se aboa peaxe en sombra ás concesionarias. 

 O titular do Goberno galego tamén destacou que, segundo reflicte o documento, a Comunidade galega cumpre executando o orzamento con mellores indicadores que os territorios da súa contorna, cun crecemento do PIB do 2,8%, medio punto máis do previsto, acadando un nivel do PIB 9 puntos superior ao ano 2019, dous puntos máis que a media española, e coa menor taxa de paro desde 2008, dous puntos inferior á media de España.

Ademais, Galicia lidera un ano máis o esforzo investidor, cun 16,4% do gasto de capital sobre o gasto non financeiro, case o dobre da media. Na Conta Xeral pódese apreciar que a nosa comunidade segue a ser referente entre as comunidades que máis rápido pagan aos seus provedores. En concreto, rematou o 2024 cun período medio de pagamento de 17,32 días fronte aos 31,15 días de media das comunidades autónomas. 

Outra das magnitudes que permiten analizar a xestión orzamentaria e a sustentabilidade das finanzas públicas é o aforro bruto, medido como a capacidade de financiar gastos de capital con ingresos correntes. En 2024, Galicia experimentou un grande aumento do aforro bruto, acadando un total de preto de 1.577 millóns de euros, o que permite destinar máis recursos a investimentos. 

 Melloras na elaboración das contas 

O documento destaca tamén a introdución de diferentes melloras na elaboración das contas, en resposta a varias recomendacións realizadas neste sentido polo Consello de Contas, entre as cales destacan a mellora na información dos beneficios fiscais que se inclúen na Conta, a remisión anual dun informe de seguimento dos expedientes de reintegro derivados das actuacións de control financeiro, a incorporación das certificacións bancarias das contas correntes dos habilitados, a ampliación da información da memoria da Conta Xeral do Sergas e a posta en funcionamento en xaneiro de 2025 do Rexistro de entidades.