Hoxe difundimos unha nota de prensa dando conta dunha nova pregunta parlamentaria por escrito no Congreso.
Dí así:
“ Os deputados do PP de Ourense reiteran a urxencia de que Renfe rectifique e recupere xa neste mes de setembro as paradas do AVE na Gudiña que houbo ata o 9 de xuño
• Expresan o seu malestar porque Renfe manteña os horarios discriminatorios ata o 13 de decembro, de xeito que os usuarios da estación Porta de Galicia non teñen máis alternativa matinal para viaxar a Madrid que tomar un AVLO ás 12:08h, que chega á capital ás 14:08h. E se queren regresar o mesmo día o último tren sae ás 18:06h para chegar á Gudiña ás 20:02h. “Un auténtico disparate de horarios, irracionais e inútiles para os habitantes do medio rural”, sinalan.
Afirman que non é xustificable esta discriminación á mobilidade e aínda máis despois da vaga de lumes forestais que asolaron as comarcas da Gudiña, Monterrei, Valdeorras, Trives, Conso-Frieiras e tamén á veciña comarca de Sanabria. “Se xa antes desa catástrofe era de xustiza que Renfe e o Goberno de España rectificasen a decisión tomada de suprimir paradas dos trens AVE na Gudiña, agora, faise máis necesaria”, afirma Celso Delgado.
2, setembro, 2025. Os deputados do Partido Popular no Congreso pola provincia de Ourense, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, veñen de rexistrar unha nova pregunta por parlamentaria coa que esixen a Renfe e ao Goberno que rectifique e recupere xa neste mes de setembro as paradas do AVE na estación Porta de Galicia da Gudiña, tal e como existían antes do 9 de xuño, cando foron suprimidas as máis útiles.
Os deputados populares ourensáns lembran que na tarde do sábado 2 de agosto tivo lugar na Gudiña unha multitudinaria manifestación, convocada pola plataforma "Dereito ao Tren", que percorreu as rúas deste pobo, desde a vella estación ata a nova de alta velocidade "Porta deGalicia" Miles de persoas procedentes das comarcas ourensás de Monterrei, Viana, Valdeorras, Trives, Conso-Frieiras, e A Limia; da comarca zamorana de Sanabria, do norte de Portugal, representantes de asociacións, colectivos, etc, expresaron o rexeitamento á decisión de Renfe de suprimir paradas na Gudiña dos trens de alta velocidade que operan no corredor ferroviario de alta velocidade Galicia-Madrid.
Unidade política
Ademais, participaron nesta enorme manifestación representantes de todos os grandes partidos con representación provincial, o presidente do Parlamento de Galicia, da Deputación Provincial, conselleiro e altos cargos da Xunta, deputados nacionais, senadores, parlamentarios autonómicos, alcaldes, concelleiros. A unidade política quedou acreditada dun modo patente.
Unha vez terminado o percorrido desta cívica manifestación tivo lugar nun escenario a uns 100 metros da estación a lectura do manifesto por parte do presidente da plataforma convocante, Rubén Riós, que concluíu coa expresión da reivindicación de que a Estación da Gudiña-Porta de Galicia conte con horarios útiles para as necesidades que ten a poboación neste territorio, en igualdade de condicións que teñen outros territorios e estacións de orixe. Por iso pediron "a adaptación dos horarios ás necesidades da poboación, o restablecemento das frecuencias eliminadas e apostar por un servizo público ferroviario útil”, lembran os deputados do PP de Ourense.
Vaga de lumes forestais
Días despois daquela manifestación, unha terrible e destrutiva vaga de incendios forestais arrasou a provincia de Ourense con especial afectación, entre outras, ás comarcas da Gudiña, Monterrei, Valdeorras, Trives, Conso-Frieiras e tamén á veciña comarca zamorana de Sanabria. Os graves danos ao medio ambiente, as destrucións en infraestruturas, en bens públicos e privados, foron de enorme importancia o que motivou que o Consello de Ministros declarase estas comarcas como 'Zona afectada gravemente por unha Emerxencia de Protección Civil'
Tan intensos e perigosos foron estes incendios pola súa proximidade ás vías que levaron a que durante unha semana estivese suspendida por ADIF a circulación dos trens AVE entre Ourense e Zamora.
“Se xa antes desa catástrofe era de xustiza que Renfe e o Goberno de España rectificasen a decisión tomada de suprimir paradas dos trens AVE na Gudiña, agora faise aínda máis necesaria.”, afirma Celso Delgado.
Necesidade de axuda agora máis que nunca
As persoas que viven nas comarcas afectadas polos incendios precisan agora máis que nunca de toda clase de axudas de todas as Administracións e Empresas Públicas para comezar a súa recuperación.
Exposto o anterior, os deputados populares ourensán amosan o seu malestar polo feito que de momento non existise ningunha rectificación por parte de Renfe. “Pola contra, vimos na súa web de compra como se manteñen os horarios implantados o 9 de xuño ata o 13 de decembro. É dicir, os usuarios da estación Porta de Galicia non teñen máis alternativa matinal para viaxar a Madrid que tomar un AVLO ás 12:08h, que chega á capital ás 14:08h. E se queren regresar o mesmo día o último tren sae ás 18:06 para chegar á Gudiña ás 20:02h. Un auténtico disparate de horarios. Irracionais, inútiles e discriminatorios para os habitantes do medio rural”, sinalan os deputados do Partido Popular de Ourense.
Por todo o anterior, os deputados populares consideran “urxente e de xustiza” que Renfe rectifique e recupere xa neste mes de setembro as paradas nas estacións intermedias do corredor ferroviario de alta velocidade Galicia-Madrid, e moi especialmente as da Gudiña-Porta de Galicia, de modo que os viaxeiros poidan dispoñer, como tiñan antes do 9 de xuño, de paradas de trens en horarios racionais e útiles que aseguren o seu dereito á mobilidade, sen discriminacións cos usuarios das grandes cidades.
Despois do clamor reivindicativo expresado na multitudinaria manifestación do pasado 2 de agosto e dos devastadores incendios que arrasaron a provincia de Ourense, que levaron á declaración de gran parte do seu territorio como 'Zona afectada gravemente por unha Emerxencia de Protección Civil', os populares rexistraron a seguinte pregunta por escrito:
¿Rectificará Renfe a inxusta decisión de suprimir desde o 9 de xuño paradas de trens nas estacións intermedias do corredor ferroviario de alta velocidade Galicia-Madrid e moi especialmente na estación de alta velocidade da Gudiña-Porta de Galicia e en consecuencia procederá a restablecer as frecuencias eliminadas o máis axiña posible e en todo caso no mes de setembro?