lunes, 25 de agosto de 2025

Rueda reclama máxima vixilancia fronte aos incendiarios e medidas urxentes para evitar escorrentías nas zonas queimadas

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe a parroquia de Mougás, no concello de Oia, para avaliar os efectos do incendio rexistrado nesta zona e extinguido a noite do sábado, e insistiu na necesidade de manter a alerta en toda Galicia, malia que a situación máis complexa maioría dos últimos días se rexistrara en Ourense.

“O certo é que a maioría dos anteriores foron na provincia de Ourense, pero nunca hai que baixar a garda. A demostración é que aquí, a moita distancia doutros incendios, tamén se están producindo e hai que actuar”, sinalou. Neste senso, destacou que a rápida e eficaz intervención dos medios de extinción evitou danos maiores. “Isto podería ter sido moito peor, falamos de miles de hectáreas, pero afortunadamente a presenza de moitos medios fixo posible evitar males maiores”, subliñou.

O presidente avanzou que existen indicios de intencionalidade neste lume: “Todo indica, tal e como me comunicou o responsable provincial, que había evidencias de intencionalidade, e polo tanto os incendiarios seguen por aí”. Neste punto, puxo en valor a detención dun presunto incendiario en Arbo: “Respectando a presunción de inocencia, quero animar e aplaudir as actuacións das Forzas e Corpos de Seguridade, constatando que os incendios se investigan, que se persegue aos incendiarios e que se lles detén e pon a disposición xudicial”.

Rueda referiuse tamén á situación en Ourense, onde “acabamos de coñecer a estabilización do incendio de Chandrexa, e quedan polo tanto dous incendios activos (Carballeda de Valdeorras e Avión) que agardamos que se controlen e extingan canto antes”.

O xefe do Executivo autonómico puxo o foco na prevención de riscos derivados dos incendios unha vez apagados: “Toca traballar para evitar as escorrentías, que as cinzas comprometan os abastecementos de auga, que os obstrúa e provoquen acumulación e desbordamentos. Todo isto hai que facelo colaborando cos Concellos e as Deputacións, pedindo axuda a todos, incluíndo o Goberno central”.

Neste senso, agradeceu a colaboración do Exército e a actuación da Unidade Militar de Emerxencias (UME) desde o primeiro momento, e pediu que se manteña e reforce a presenza de medios militares en Galicia para axudar ás tarefas tanto de control de perímetros como de limpeza. “Agora que a situación está máis calmada, pido que sigan chegando os medios solicitados, sobre todo con maquinaria para labores de limpeza e extinción”, apuntou, engadindo que “hai que poñerse especialmente estritos nos próximos meses cos labores preventivos”.

En relación coas axudas, o titular do Goberno galego confirmou a convocatoria dun Consello extraordinario este venres en Ourense para aprobar un paquete de medidas dirixidas ás persoas e sectores afectados: “As axudas publicaranse de xeito inmediato e poremos os sistemas necesarios para que se tramiten do xeito máis sinxelo posible para que cheguen canto antes”.

Finalmente, reclamou responsabilidade e colaboración política. “Espero que a oposición sexa construtiva en todo isto. Non busquemos máis tensión. O que Galicia precisa neste momento son propostas e cooperación para superar esta situación”, concluíu."

Salientar que para evitar estes posibles arrastres, a Xunta ten aplicado con ocasión doutros lumes  precedentes (Courel, Ribas de Sil, Boiro, etc), unhas barreiras de contención aproveitando a propia madeira que se atopa nas ribeiras afectadas, e ten aplicado a técnica coñecida como “mulching”, mediante a disposición de palla sobre as áreas afectadas e con maior risco de erosión.

Deste xeito, actúase nestas contornas de especial sensibilidade pola proximidade dos leitos fluviais a zonas poboadas e por contar cunhas características singulares que poden favorecer os arrastres das cinzas.