viernes, 15 de agosto de 2025

A Xunta crea un Servizo de Loxística e Instalacións Aeronáuticas e Ferroviarias



O DOGA do 13 de agosto de 2025 publicou o Decreto 73/2025, do 4 de agosto, polo que se modifica o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Na exposición do Decreto díse "Por outra banda, o seu capítulo IX regula a Dirección Xeral de Mobilidade e indica que exercerá as funcións de impulso, xestión e coordinación das políticas atribuídas á Consellería nos ámbitos, entre outros, da programación de investimentos, obras e instalacións de transportes por estrada, ferrocarril, aéreo e por cable, xunto co seu réxime administrativo, dirección, inspección e control delas, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

A dirección da política aeronáutica é competencia do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, que a exerce a través da Dirección Xeral de Aviación Civil e da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). Porén, de conformidade co artigo 27.9 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, a comunidade autónoma ten a competencia exclusiva en materia de aeroportos e heliportos non cualificados de interese xeral polo Estado, así como dos aeroportos deportivos, aínda que estas competencias non están a ser exercidas na actualidade.

Ata o de agora, a tramitación das autorizacións correspondentes aos aeródromos de competencia autonómica, as súas modificacións, así como as funcións de inspección e supervisión, estaban a ser realizadas pola AESA. Trátase de infraestruturas destinadas a aeronaves ultralixeiras, hidroaeródromos e heliportos, distintas dos aeródromos de uso público en que se realizan operacións de transporte comercial de pasaxeiros, mercadorías ou correo, incluídos os servizos de aerotaxi.

A Comunidade Autónoma de Galicia promoverá a activación dos mecanismos previstos no ordenamento xurídico co fin de formalizar o traspaso das funcións e servizos precisos para o pleno exercicio das competencias que lle corresponden nesta materia.

Para posibilitar o seu exercicio e desenvolver a normativa correspondente, resulta preciso dotar a Dirección Xeral de Mobilidade dunha nova estrutura administrativa, mediante a creación dun Servizo de Loxística e Instalacións Aeronáuticas e Ferroviarias, que se integrará na Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte."

O artigo 51 do decreto 136/2024, do 20 de maio  regula as Funcions e estrutura da Dirección Xeral de Mobilidade e con esta modificación do decreto 73/2025, do 4 de agosto engádese un número 4 ao punto 2.3.2, coa seguinte redacción:

«2.3.2.4. Servizo de Loxística e Instalacións Aeronáuticas e Ferroviarias.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A tramitación de autorizacións de establecemento e apertura ao tráfico das instalacións aeronáuticas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As actuacións inspectoras nas instalacións aeronáuticas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A tramitación de expedientes sancionadores derivados das actuacións anteriores.

d) A xestión dos centros integrados de transporte e de plataformas para as actividades do transporte e a operatividade loxística de mercadorías.

e) A programación de investimentos, obras e instalacións de transporte por ferrocarril, aéreo e por cable no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma.

f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral».