viernes, 18 de julio de 2025

Hai máis dun ano o Congreso aprobou un texto transaccionado entre BNG e PP instando ao Goberno a que, en coherencia co procedemento aberto pola Comisión Europea, iniciase os trámites para a anulación da prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP- 9

 


Hoxe a práctica totalidade dos medios de comunicación galegos fanse eco da nova coñecida onte de que a Comisión Europea decidiu emitir un ditame motivado no que solicita a España que respecte as normas da UE en materia de contratación pública, en particular con respecto aos contratos de concesión.

En concreto  afirma que "España ampliou a duración das concesións das autoestradas AP-9 e AP-66 a vinte e cinco e vinte e nove anos, respectivamente, e máis adiante vendeu as dúas empresas concesionarias sen iniciar procedementos de licitación previos nin publicar un anuncio a escala da UE"

Esto implica que o goberno dispón agora de dous meses para respostar e adoptar as medidas necesarias. De no facelo, a Comisión podería optar por levar a este Estado membro ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Certamente esta decisión era una posibilidade real que se agardaba desde hai tempo e por iso houbo actuacións políticas previas ao respecto.

Lembro agora o debate dunda moción que tivo lugar no Pleno do Congreso o pasado 11 de xuño de 2024 e que foi votada o 13 de xuño de 2024 sobre a base dunha emenda transaccional entre o BNG (GPMixto) e o GPP:

O texto literal pactado entre PP e BNG dicía:

“O Congreso insta o Goberno do Estado a que, en coherencia co procedemento aberto pola Comisión Europea, inicie os trámites para:

-   A anulación da prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP- 9

-   A asunción da xestión directa da autoestrada e a supresión das peaxes

-   O impulso da transferencia da AP- 9 a Galicia

Ademais, o Congreso insta o Goberno do Estado para encargar un estudo no que se exploren as vías xurídicas para a anulación da prórroga e avalíense os custos económicos que tería para o Estado a asunción da xestión directa da AP9”

Saiu aprobado este texto por 181 votos: PP, BNG,Sumar, Podemos, ERC, Bildu, CC, e UPN. Votaron en contra: 32 (VOX) e abstivéronse 132: PSOE, Junts e PNV.



O posicionamento  do Partido Popular foi claro instando ao Goberno de España a iniciar os trámites para a anulación da citada prórroga outorgada á concesionaria da AP-9 e se foi aprobada, debeuse á maioría parlamentaria do Grupo Parlamentario Popular e a pesar da abstención do PSOE.

Por todo o anteriormente dito, a decisión  da Comisión Europea de emitir un  ditame motivado  é unha excelente oportunidade para que o Goberno central actúe, sexa valente e responsable e rescate a concesión da Autoestrada do Atlántico.