Esta semana o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións publicou os datos de afiliación á Seguridade Social de xuño de 2025.
No conxunto estatal a afiliación media aumentou en 76.720 persoas respecto a maio de 2025 (+0,35%), ata as 21.861.095. Respecto a xuño de 2024, o número de afiliados medios aumentou en 468.206 persoas (2,19%).
Principais resultados de Galicia
O número medio de afiliacións ao Sistema da Seguridade Social en Galicia no mes de xuño de 2025 acadou a cifra de 1.102.651; o que supón un aumento respecto ao mes pasado de 7.845 afiliacións (0,72 %).
Na comparativa interanual (xuño de 2025 con xuño de 2024), obsérvase un aumento de 17.780 afiliacións en Galicia (1,64 %).
Por comunidades autónomas e con respecto ao mes de maio de 2025, rexístrase un incremento das afiliacións en 13 comunidades autónomas, sendo Illes Balears (3,04 %) e Castilla - La Mancha (1,68 %) as que experimentan o maior incremento e Andalucía (-0,97 %) a que sofre o maior descenso.
En canto ás taxas con respecto a xuño de 2024, rexístranse taxas positivas en todas as comunidades autónomas. Os aumentos máis acusados prodúcense en Ceuta (3,52 %) e Canarias (3,04 %).