O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu esta tarde as Chaves da Cidade de Porto nun acto institucional presidido polo alcalde, Rui Moreira. Unha distinción que puxo en valor como expresión do vínculo histórico, cultural e institucional que une a Galicia co norte de Portugal.
Rueda salientou o papel central que xoga a cooperación entre ambos territorios na construción dun futuro común no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Asegurou que se trata dunha relación consolidada, baseada na confianza mutua e na vontade compartida de avanzar en proxectos estratéxicos que melloren a vida das persoas. Nesta liña salientou que “Porto tamén é un símbolo de carácter, identidade, modernidade e orgullo para os galegos”.
O presidente galego defendeu con especial énfase a necesidade de avanzar con decisión na conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto, unha infraestrutura que considerou “a prioridade máis evidente” e enfatizou na necesidade “dun tren rápido, moderno e eficiente”. Ademais, subliñou que esta liña debe converterse na columna vertebral da Eurorrexión, favorecendo a mobilidade, a competitividade e a integración real entre ambos territorios.
Rueda trasladou o seu recoñecemento ao compromiso que está a mostrar Portugal con esta infraestrutura e sinalou que a Xunta continuará reclamando ao Goberno español avances concretos e un “futuro con conexións reais e infraestructuras necesarias” tanto na Saída Sur de Vigo como no tramo ata a fronteira e no novo viaduto sobre o Miño. O obxectivo, indicou, é que conexión estea operativa a máis tardar en 2030, e que se desenvolva en coordinación cos aliados portugueses e coa implicación do tecido económico e social de ambos lados da fronteira.
O titular do Goberno galego tamén defendeu a inclusión da conexión Vigo-Porto na Rede Básica Europea de Transportes, co fin de garantir o acceso aos fondos comunitarios e a integración plena no modelo europeo de mobilidade sostible. Neste senso, Galicia e Portugal acudirán con reivindicacións parellas ao Foro do Corredor Atlántico que se celebra esta semana en Bruxelas para presentar esta demanda compartida.
O presidente galego referiuse ademais a outros eidos de cooperación transfornteiriza, como as novas conexión viarias previstas entre “A Gudiña e Vinhais ou entre Monçao e Salvaterra”, así como á necesidade de dotar aos “máis de 14.000 traballadores transfronteirizos” dun marco legal específico que recoñeza e facilite a súa mobilidade diaria.
No ámbito cultural, a Xunta reafirmou o seu apoio á candidatura do Camiño Portugués a Santiago como Patrimonio Inmaterial da Humanidade, ao tempo que traballa con Portugal para garantir o éxito do Xacobeo 2027 como evento internacional.
Finalmente, o xefe do Executivo autonómico agradeceu a distinción recibida, que considerou non como un recoñecemento persoal, senón como “unha expresión de confianza, de recoñecemento mutuo e da posta compartida de tantas cousas que unen a Galicia e o Norte de Portugal” e “unha honra para todo o pobo galego que hoxe sentímonos recoñecidos e acollidos nunha cidade á que nos unen tantas cousas”. Sinalou que a cooperación entre Galicia e Portugal é un exemplo de política útil, con raíces profundas e metas ambiciosas, e puxo en valor o espírito atlántico, aberto e colaborativo que caracteriza a ambos pobos.