miércoles, 11 de junio de 2025

A Xunta denuncia a desidia e falta de compromiso do Goberno central co transporte ferroviario en Galicia


O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, compareceu o te no Parlamento galego, onde lamentou novamente a falta de compromiso do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible co transporte ferroviario en Galicia. Referiuse tanto a avarías, incumprimentos de horarios e fallos na web de Renfe constantes, como á supresión de servizos, ademais de seguir sen recuperarse os trens de medida distancia eliminados durante a pandemia da covid e sen ofrecer prazas suficientes. A isto súmase -engadiu- a limitación na venda anticipada nos billetes, que “evidencian os agravios comparativos do Goberno central con Galicia”.  


Canto á alta velocidade, lamentou que, pese ao aumento do número de viaxeiros do AVE entre Galicia e Madrid, o Executivo estatal mantén as mesmas conexións que en 2021 coa chegada do primeiro tren de alta velocidade a Ourense. Como outro exemplo da “falta de planificación e xestión” do Ministerio, sinalou os reforzos de Renfe para o verán que deixan desde onte a Ferrol sen a súa única conexión directa con Madrid, aumentos no tempo de espera en Lugo, e unha frecuencia menos en Vilagarcía e A Gudiña. Neste último caso, ademais, sen que haxa un enlace antes das 12,00 horas. Advertiu ademais do cambio de horarios en 16 servizos rexionais, Avant e media distancia, que tamén afectan aos enlaces de AVE Galicia-Madrid. 


Na súa intervención, Diego Calvo enumerou as distintas “promesas incumpridas” por parte do Ministerio de Transportes con Galicia. Por exemplo, o interlocutor con Renfe para informar á Xunta das obras pendentes e incidencias ou o grupo de traballo para coñecer concrecións sobre o Plan Director do Corredor Atlántico. Nesta liña, incidiu na falta de implicación e compromiso do Executivo estatal nesta infraestrutura estratéxica, e tamén lembrou que están pendentes actuacións no Eixo Atlántico ferroviario, sobre todo na modernización da liña A Coruña-Ferrol e na conexión de alta velocidade Vigo-Porto. 


No caso de Ferrol apelou a que Adif desbloquee o convenio para avanzar no proxecto da intermodal. Neste punto referiuse ao estudo impulsado pola Xunta con propostas de mellora da mobilidade e o transporte ferroviario en Ferrolterra, que aposta, ademais de polas melloras ferroviarias, polo desenvolvemento dun nodo intermodal que facilite a conexión entre diversos medios de transporte.  Con este obxectivo, propón a reordenación e melloras na infraestrutura para reducir os tempos de viaxe a 45 minutos e mellorar a funcionalidade e seguridade viaria, cun investimento estimado de máis de 250 millóns de euros.


No que respecta á conexión con Portugal, insistiu en que non existe un cronograma claro e un programa de investimentos para a saída Sur de Vigo e, por descontado, a conexión con Bouzas, así como para o tramo entre O Porriño e a fronteira portuguesa, se ben advertiu que, coa execución actual, “é imposible cumprir os prazos comprometidos polo Goberno central de que Galicia e Portugal estean conectadas en 2032”. 


Ademais, esixiu modernizar a conexión con Portugal en Tren Celta, electrificar o tramo Monforte-Lugo e arranxar a liña do Miño para evitar as habituais incidencias polo seu deterioro, ao igual que ocorre na rede de ancho métrico Ferrol-Ribadeo. “Máis exemplos da desidia do Goberno central”, afirmou o conselleiro. 


Transporte público de Galicia 


Fronte á actitude do Goberno central co transporte ferroviario, a Xunta contrapón o traballo realizado no transporte público interurbano de competencia autonómica cunha taxa de crecemento anual desde 2021 do 17,20% e 3,4 millóns de viaxes en marzo, un 12% máis que no mesmo mes do ano pasado. O conselleiro atribúe este incremento ao Plan de transporte público de Galicia, que multiplicou por catro o número de liñas ata as 3.600, triplicou as paradas ata as 58.000 e incrementou nun 60% as frecuencias ata os 2,36 millóns. 


Trátase dun plan “sostible, eficiente, útil e accesible” que tamén se pretende que sexa “o máis económico posible para as persoas usuarias”. Por iso, a Xunta mantén bonificacións a través da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG), así como da Tarxeta Xente Nova e a Tarifa +65. Estas dúas últimas ofrecen ata 60 viaxes mensuais de balde a menores de 21 anos e maiores de 65, o que implicou no primeiro cuadrimestre de 2025 un aforro para as familias de case 2,2 millóns de euros polo uso da Tarxeta Xente Nova e case 1 millón de euros por empregar a Tarifa +65. 


Nesta liña, sinalou que desde o 1 de xullo as achegas do Estado ao financiamento das bonificacións en autobús aos usuarios xerais pasan do 30% ao 20%, mentres que a Xunta manterá o 20%, tal e como se comprometeu. Ademais,  manterá tamén a gratuidade dos menores de 21 anos e os maiores de 65.


O conselleiro lamentou que o Ministerio de Transportes se negase a convocar  a Conferencia sectorial de transportes para tratar a proposta do novo mapa concesional das liñas de autobús estatal que, en Galicia conta con 22 concellos afectados e 90 rutas e 87 paradas eliminadas. 


Servizos específicos durante o verán e transporte escolar 


Por outra parte, o conselleiro de Presidencia anunciou que desde o 1 de xullo ao 30 de setembro activaranse 22.000 servizos específicos durante o verán nun total de 90 liñas. Deste xeito, a Xunta dá resposta ao incremento de desprazamentos na época estival a espazos naturais como a praia das Catedrais ou o parque natural das Fragas do Eume; a festas, verbenas e festivais; ou a praias e parques acuáticos.


Tamén se reforzarán os autobuses na comarca no Salnés e a súa conexión con Pontevedra; os servizos nocturnos durante as fins de semana para poder desprazarse nos traxectos Marín-Pontevedra, Baiona-Vigo e o corredor O Grove-Sanxenxo-Pontevedra, e aqueles especialmente indicados para atender as demandas dos peregrinos. Ademais, prevense servizos e axustes nas Rías Baixas, en concreto, na Illa de Arousa cunha liña de interese municipal (SIMU) para atender a demanda, ao igual que en Nigrán e Sanxenxo, e con reforzos en Cangas para conectar coas praias. 


No marco das actuacións do transporte de competencia autonómica, a Xunta, como avanzou o conselleiro, tamén está a traballar na próxima licitación do transporte escolar. O importe da licitación dos contratos ascenderá a máis de 90 millóns de euros, un 9,8% máis que a contratación de 2021, con 1.490 liñas de transporte escolar e 2.000 de transporte compartido para garantir o servizo a case 81.000 alumnos de ensinanzas obrigatorias. Diego Calvo explicou que, como novidades, ampliarase o número de contratos de 57 a 71 para fomentar a participación das pequenas empresas ao mesmo tempo que se integrarán algúns servizos nas liñas de transporte compartido que darán cobertura a mais usuarios xerais, reordenaranse lotes e fusionaranse ou dividiranse contratos. 


O conselleiro de Presidencia anunciou durante a comparecencia que o próximo ano se prevé a posta en marcha da nova Liña Conecta Ferrol-As Pontes-Lugo para unir ambas cidades en 1 hora e media. A proposta inicial contempla activar dous servizos por sentido de luns a domingo, ata acadar 28 servizos semanais que se suman aos 21 actuais, o que supón un total nesta liña de 49 servizos semanais. 


Por último, no tocante ao transporte aéreo, Diego Calvo calificou de “despropósito” que o Goberno central pretenda que a Xunta e os concellos asuman o impulso dos aeroportos galegos. Así, apuntou que é necesario que Aena lidere unha planificación coordinada dos tres aeroportos galegos e que, ao mesmo tempo, se recuperen as frecuencias previas á covid en lugar de eliminarse destinos e que non continúe o incremento de prezos que dificulta o acceso ás viaxes en avión.