Tal día como hoxe, hai un ano o presidente
da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu a toma de posesión do novo goberno galego do que aseguraba estar baseado
na procura da “excelencia” ante “os novos retos e novas oportunidades” de
Galicia.
“Estaremos á altura e empezamos a traballar xa”,
anunciou Rueda nese acto de toma posesión dos doce conselleiros do novo Goberno
galego no Pazo de Raxoi, do que asegurou que hai “vimbios para traballar,
incluso mellor do que viñamos traballando ata o de agora, e cuxo labor xa era
moi destacable”, enxalzou.
Pois ben, hoxe, o presidente Rueda,
protagonizou un acto institucional para facer balance do seu primeiro ano de
lexislatura, xusto cando van doce meses da súa investidura tralos comicios
autonómicos de 2024.
No encontro, celebrado baixo o lema Estilo Galicia
e acompañado do seu Executivo, Rueda subliñou que a súa forma de gobernar está marcada “polo compromiso co traballo ben feito, a escoita activa e a estabilidade institucional”.“Galicia avanza con paso firme, sen ruído, sen
confrontacións e sen mirar a corto prazo”, asegurou o xefe do Goberno
autonómico, quen reivindicou a importancia de facer política “desde o
sentidiño, a esixencia e a vocación de servizo”. Neste senso, fixo fincapé no
estilo de goberno da Xunta: un modelo baseado “no rigor, na estabilidade e na
acción”.
Rueda destacou na súa intervención algúns fitos
acadados neste primeiro ano, facendo especial mención aos avances en materia de
sanidade, educación, economía e política social. Entre eles, a consolidación do
calendario vacinal máis avanzado de Europa; a educación universitaria gratuíta,
sendo Galicia pioneira neste eido; a aposta pola vivenda pública, duplicando o
parque público; ou a reactivación do rural galego, con Galicia como líder en
produción láctea a nivel estatal.
Tamén puxo en valor o liderado de Galicia en enerxías
renovables (cun 84,6% da súa enerxía procedente de fontes limpas) e o traballo
en sectores como a automoción, a biotecnoloxía, a loxística e a industria
conserveira.
Un proxecto que non deixa a ninguén atrás
O titular do Executivo galego incidiu na importancia de gobernar “con alma, esixencia e sentidiño”, e reafirmou que Galicia “non deixa a ninguén atrás”.
Mencionou a posta en marcha de medidas
pioneiras como o Bono Coidado, o reforzo de prazas públicas en política social
(superior ás 16.000) e a Estratexia Retorna, que permitiu no último ano a volta
de 8.500 galegos do exterior, o mellor dato histórico rexistrado.
Tamén defendeu con firmeza o papel de Galicia na
defensa das súas competencias, en especial no relativo á recente transferencia
de xestión do litoral, reclamando “un trato xusto sen complexos, con
responsabilidade e sen renuncias”.
O presidente quixo tamén facer un recoñecemento
público ao seu equipo de goberno, destacando o labor conxunto e a cohesión do
Executivo. “Aquí gañamos e erramos xuntos. Porque isto é un equipo, e así se
comporta”, afirmou.
Concluíu
asegurando que o balance deste primeiro ano é positivo, pero advertindo que “o
mellor está por vir”. “Galicia”, dixo, “está preparada para liderar, para
innovar e para coidar o seu territorio cun proxecto estable e un estilo propio:
o estilo Galicia”.