Onte o Grupo Popular solicitou ao Goberno central a elaboración dun informe que xustifique que o rescate da AP-9 non é viable, no que se recolla expresamente unha estimación do custo que suporía este rescate e o gasto que tería que afrontar o Goberno de España en bonificacións das peaxes ata o remate da concesión. “Sería todo un exercicio de transparencia que nos permitiría a todos xogar coas mesmas cartas e valorar con obxectividade a mellor opción a seguir respecto do futuro da AP-9”, sinalou o portavoz popular, Alberto Pazos.
Pazos lembrou que “a secretaria xeral de Transporte Terrestre do Ministerio de Fomento anunciou esta semana no Congreso que o rescate da concesión da AP-9 “non é viable polo altísimo volume de gastos que conlevaría, inasubmibles agora mesmo polo Estado”, “unha afirmación que tivo lugar dous días despois de que o reelixido secretario xeral dos socialistas galegos anunciara a bombo e prato en Santiago que ‘nós chegaremos á liberación das peaxes’”, lembrou Pazos. “Un anuncio que fixo diante do mismísimo Pedro Sánchez, quen non dixo nin mu na súa intervención a pesar de que era perfectamente consciente de que o qué estaba vendendo o seu fiel soldado Besteiro era mentira e que para nada entraba nos plans do Goberno de España esa gratuidade”, engadiu.
“Descoñecemos os argumentos sobre os que se sustenta esta decisión do Goberno de España de non proceder ao rescate neste momento da concesión da AP-9, polo que desde o Grupo Popular imos solicitar a través dunha iniciativa neste Parlamento galego que o Goberno central elabore con urxencia un informe xustifique esta decisión”, indicou o portavoz popular.
BAILE CONSTANTE DE CIFRAS
Alberto Pazos sinalou que “xa estamos fartos do baile constante de cifras que se ofrecen por parte dos responsables do Ministerio para valorar o rescate, que un día cifran en 4.000 millóns e ao seguinte en 6.000 millóns, cando o que si coñecemos é que o Estado xa ten reservados 3.150 millóns de euros para o abono á empresa concesionaria polas bonificacións das peaxes ata o remate da concesión en 2048, unha cifra moi superior ao máximo de 2.331 millóns que suporía o rescate da AP-9, segundo o informe elaborado para a Xunta por unha consultora de prestixio especializada nestas cuestións”.
“Esiximos seriedade e que o Goberno central cumpra os compromisos anunciados aos galegos, liberando de peaxes a AP-9, como dixeron en plena campaña electoral, e procedendo á transferencia desta autoestrada a Galicia, como temos acordado neste Parlamento en numerosas ocasións”, demandou o portavoz popular. En concreto, dixo que “o primeiro paso sería levantar o bloqueo que a tramitación da proposición de lei aprobada por unanimidade neste Parlamento está a sufrir no Congreso pola decisión da Mesa e da súa Presidenta, que xa que leva 23 prorrogas nesta lexislatura ao prazo para a presentación de emendas a esta proposición”.