30-3-2015 |
O Goberno galego
insistiu novamente en que os trámites pendentes fan incompatible a execución
desta infraestrutura prioritaria co horizonte inicial de 2032 establecido polo
Goberno central e, especialmente, co posterior anuncio de que estará rematada
en 2030.
A Xunta avaliou o
Informe sobre a conexión de alta velocidade ferroviaria Vigo-Porto ante a
preocupación polo evidente atraso que acumula a saída sur de Vigo ata O
Porriño, cuxo estudo informativo, que debería estar rematado o pasado decembro,
se anunciou recentemente para antes do próximo verán.
Ademais, a partir
dese trámite, haberá que proceder á tramitación ambiental, que suporá outros 18
meses, e á contratación e execución do proxecto construtivo, que pode prolongarse
a tres anos. A seguir, farían falta entre cinco e seis anos máis para a
licitación e execución das obras, dada a súa complexidade.
Segundo estas
estimacións, non sería posible, polo tanto, a promesa do Goberno central de
conectar Galicia co norte de Portugal en 2032, e moito menos en 2030, que se
alcanzaría nos anos 2034 ou 2035.
Por este motivo,
desde a Xunta insístese na demanda dun calendario claro e dun programa de
investimentos para a saída sur de Vigo, imprescindible para darlle continuidade
ao eixo atlántico ferroviario.
Desde o Goberno
galego lémbrase tamén a necesidade de engadir o ramal que conecte coa terminal
marítima de Bouzas, tal e como se demanda desde o porto de Vigo e desde os
sectores produtivos galegos, baixo a premisa da total integración na
cidade.
Cómpre lembrar que
na última presentación do Plan director do Corredor Atlántico por parte do
secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible seguiu sen se dar
detalle das actuacións nin dos prazos. Nela incluíse a saída sur de Vigo, en
fase de planificación, sen mencionar a conexión con Bouzas, polo que non queda
claro se se terá en conta.
Faltaría tamén
saber da materialización do seguinte treito para a conexión con Portugal, entre
O Porriño e a fronteira portuguesa, que non sumou ningún avance nos últimos catro
anos e do que o secretario de Estado asegurou que se estaría lanzando o estudo
informativo neste primeiro trimestre de 2025.
Ademais, cómpre
lembrar que, unha vez executados estes dous tramos, o Goberno de España e
Portugal deben negociar a construción e o financiamento dunha nova ponte
internacional, un proxecto do que tampouco se ten información.