sábado, 15 de marzo de 2025

A Xunta desenvolve un “xemelgo dixital” da rede de estradas autonómicas que permitirá a AXI planificar e xestionar as estradas de xeito máis eficiente, simplificar os trámites da cidadanía e reforzar a xestión da seguridade viaria.



Onte a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, informaron dos avances na Estratexia de Dixitalización e Innovación da rede viaria autonómica.

O Goberno galego leva investidos neste amplo proxecto 8,5M€, cofinanciados con Fondos europeos, e prevé mobilizar 20M€ ata o o 2029 para desenvolver a citada estratexia.

Os obxectivos desta iniciativa son ampliar, centralizar e unificar toda a información vinculada coa xestión da rede viaria autonómica. Isto posibilitará organizar de forma eficiente os recursos tecnolóxicos e humanos implicados neste ámbito.

Por unha parte, os cidadáns disporán dun sistema máis accesible e transparente, aforrando custos e tempos nas tramitacións que precisen efectuar no eido das estradas.

Por outra parte, a Xunta, que está a dixitalizar o mapa de estradas, aumentará a eficiencia na toma de decisións sobre a rede viaria, anticipando problemas e achegando solucións. Cabe precisar que na actualidade xa está practicamente rematada a cartografía dixital das estradas e todos os elementos que as definen.

Allegue remarcou que Galicia está a ser un referente en contar con este ‘xemelgo dixital’ que vai permitir, ademais, desenvolver dun modo máis eficaz as encomendas da Axencia Galega de Infraestruturas, aproveitando tanto a información xa existente, totalmente dixitalizada, como a que chegará a través dos vehículos conectados.

Avances e novos contratos

A conselleira avanzou que no marco deste inxente traballo de campo a Xunta ten licitado recentemente novos contratos por importe de 1,8M€.

O primeiro destes contratos correspóndese coa dixitalización de estudos e proxectos do arquivo da Axencia Galega de Infraestruturas. A magnitude deste traballo cífrase en 3.705.864 páxinas a dixitalizar.

A conselleira fixo especial fincapé noutro dos contratos licitados, que é para a utilización dos datos procedentes de vehículos conectados, un sistema que “auscultará as estradas”, e permitirá obter datos de alta precisión. Citou exemplos como información da adherencia do pavimento, a visibilidade das marcas viarias ou as velocidades e aceleracións.

O terceiro contrato licitado é o relativo á xestión do modelo de transporte da rede viaria autonómica. Este programa centrarase na obtención de datos de telefonía relativos á mobilidade ou á xeración de matrices de viaxes. Estes estudos de tráfico serán de aplicación en proxectos de novas estradas ou reformas das existentes, por exemplo.