jueves, 23 de enero de 2025

A Xunta reivindica Galicia como refuxio climático natural para atraer visitas en calquera época do ano

 


Visito esta mañá a Feira Internacional de Turismo (Fitur) e asisto a varios actos promocionais.

No primeiro, a  Xunta reivindicou Galicia como un gran refuxio climático capaz de atraer visitantes durante calquera época do ano grazas á riqueza da súa natureza, paisaxes e biodiversidade, pero tamén a un compromiso medioambiental que a converte nun lugar que ofrece calidade de vida e confort a residentes e turistas.

Durante a presentación oficial da nova marca Galicia Refuxio Climático, un acto ao que asistiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou que Galicia representa “calidade de vida” e está conformada por un conxunto de espazos naturais que ofrecen ao visitante “confort, seguridade e descanso”.

Tras lembrar que entre os principais motivos polos que a afluencia turística á Comunidade vai en aumento ano tras ano destacan a súa natureza e riqueza paisaxística, a gastronomía ou o carácter acolledor dos galegos, a responsable autonómica explicou que a Xunta quere que tamén sexa identificada como un lugar “amable, sostible e saudable” que invita a vivir, a desfrutar e “a quedarse” a todas as persoas que a visitan.

“Somos uns privilexiados”, subliñou a conselleira, que insistiu por iso na necesidade de “coidar” entre todos a “materia prima” e o “entorno único” cos que conta Galicia, apostando tamén por un turismo sostible e respectuoso co medio ambiente.



Neste sentido, referiuse ao intenso labor que leva desenvolvendo a Xunta nos últimos anos no marco da súa estratexia fronte ao cambio climático e grazas á cal a Comunidade xa superou os obxectivos de redución de emisións marcados por Europa para o ano 2030. Un traballo no que enmarcou, precisamente, a nova marca Galicia Refuxio Cimático, que “nace con vocación de futuro” e para consolidar esa imaxe dun territorio “verde e azul”, “máxico” e cunha meteoroloxía “benigna e amable” da que desfrutar todo o ano.

A modo de exemplo, Ángeles Vázquez lembrou que nos últimos anos a temperatura media anual en Galicia se incrementou a un ritmo notablemente inferior ao do resto do país, cunha suba de 0,2 graos anuais fronte aos 0,25 graos rexistrados a nivel nacional.

“Estamos orgullosos de que fóra das nosas fronteiras cada vez se coñeza máis a Galicia por ser como somos os galegos pero tamén por como nos abraza a natureza”, concluíu.

Por último e como complemento á presentación da marca, os asistentes puideron achegarse ata o expositor de Galicia onde a paisaxista Cristina García deseñou unha reprodución a pequena escala dun bosque galego con algunhas das principais especies vexetais existentes nas catro provincias. O espazo ofrece a todo aquel que o atravese a oportunidade de somerxerse, a través dunha experiencia multisensorial, nun bosque coas cores, sons e mesmo olores dun ecosistema moi representativo da Comunidade.