O Consello da Xunta coñeceu hoxe o programa Galicia Emprega 2025, dotado con 19,7 millóns de euros para promover a contratación estimada de 1.700 persoas desempregadas pertencentes aos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.
Como novidade, a
convocatoria inclúe 1,7 millóns para impulsar a presenza de mulleres en
sectores tradicionalmente masculinizados, iniciativa que se estreou en 2024
facendo especial fincapé en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor
engadido, como o da información e comunicación ou en actividades profesionais
científicas e técnicas.
A convocatoria de
achegas, que se publicará este mes no Diario Oficial de Galicia, está dirixida
ás persoas empregadoras e empresas calquera que sexa a súa forma xurídica,
incluídos os autónomos e as sociedades civís, así como as entidades sen ánimo
de lucro, centros especiais de emprego e empresas de inserción. A actuación ten como fin a contratación
indefinida e a tempo completo das persoas de colectivos prioritarios nas
políticas activas de emprego da Xunta como a mocidade, mulleres, persoas
paradas de longa duración, de 52 anos ou máis, emigrantes retornadas ou
estranxeiras coa finalidade de aproveitar e reter o seu talento.
Importes por colectivo
Así, dos preto de
20 millóns de euros cos que conta o programa, ademais dos xa mencionados 1,7
millóns para impulsar a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente
masculinizados, 7 millóns de euros están dirixidos a promover a contratación de
mulleres e 3,5 millóns de euros para persoas mozas e correspóndese co Galicia
Emprega Moz@s, unha das iniciativas que se enmarca na Estratexia mocidade activa
para impulsar a empregabilidade e captar o talento da xente nova e que —tan só
no caso da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración— estará dotada con 20
millóns de euros. Para os parados de longa duración e persoas de máis de 52
anos, o importe consignado é de 2 millóns de euros e a mesma cantidade para
persoas emigrantes retornadas e estranxeiras.
O orzamento
dirixido a incentivar a contratación de persoas con discapacidade ou risco
exclusión social é de 3 millóns de euros e de 500.000 euros para todas as
persoas en entidades sen ánimo de lucro. Todas elas parten dun apoio base de
6.000 euros que se incrementa ata os 10.000 euros no caso de mulleres que se incorporen a
sectores tradicionalmente masculinizados ou de persoas con discapacidade ou en
risco ou situación de exclusión social, entre as que tamén se permite a
contratación parcial.
Estas contías base
por cada contrato que se desenvolva poderán incrementarse nun 15 % se o centro
de traballo está situado nun concello rural, entre outros supostos acumulables
entre si. Galicia Emprega, así mesmo,
prevé incentivos para a transformación de contratos de tempo parcial a tempo
completo, para a adaptación de postos de traballo para as persoas con
discapacidade e para o incremento de duración dos contratos fixos descontinuos.
A contía máxima posible de axuda, de aplicarse todos os incrementos, será de 14.500
euros por persoa contratada.
Cómpre engadir que entre os anos 2018 e 2024, a Xunta de Galicia investiu máis de 85,6 millóns de euros nesta iniciativa, con 8.223 empresas beneficiarias que posibilitaron 10.502 contratacións.