Onte o Grupo Popular incorporou nas súas emendas aos proxectos de Lei de orzamentos da Comunidade galega para 2025 e de medidas fiscais e administrativas dúas iniciativas para incrementar o mercado de vivendas en aluguer en Galicia a través de incentivos aos pequenos propietarios con inmobles baleiros para que os poñan no mercado con deducións no IRPF dos gastos derivados da súa adecuación ou polo simple arrendamento da vivenda.
O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, acompañado polos conselleiros de Facenda, Miguel Corgos, e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez, informou que as emendas ao proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas incorporan novas exencións fiscais orientadas a estimular que as persoas propietarias de vivendas as poñan no mercado de aluguer.
En concreto, o conselleiro de Facenda explicou que “o obxectivo é incrementar un 3 por cento o número de alugueres, o que supón incrementar a curto prazo o mercado con 1.000 novas vivendas”.
DEDUCIÓNS NO IRPF
Para iso, en primeiro lugar, introdúcese unha dedución do 15 por cento na cota autonómica do IRPF dos gastos derivados da adecuación dun inmoble baleiro para destinalo ao arrendamento como vivenda, cun importe máximo de 3.000 euros por vivenda e ano durante tres anos; e, en segundo lugar, establécese unha dedución de 500 euros na cota autonómica do IRPF polo arrendamento de vivendas baleiras.
Os destinatarios destas dúas deducións serán as persoas propietarias dun máximo de tres vivendas, cun límite de 700 euros do prezo mensual do aluguer, un arrendamento por un tempo mínimo de tres anos e que as vivendas leven, polo menos, un ano baleiras.
A conselleira de Vivenda manifestou que estas bonificacións fiscais “enriquecen as medidas xa impulsadas pola Xunta” e resaltou a colaboración dos concellos, pero lamentou “a deixadez do Goberno central e dunha lei estatal que non é só que non axude, senón que está a prexudicar claramente aos pequenos propietario que non se atreven a alugar as súas vivendas”.
Por este motivo, reclamou que “o Estado modifique esta Lei claramente lesiva e que se está demostrando tan ineficaz” e afirmou que o Goberno galego actúa “para dar solucións efectivas ás limitacións e á inseguridade xurídica creada coas propostas de creación de zonas tensionadas ou de limitación dos prezos, que da lugar a que os propietarios, ben sexa promotores privados ou ben particulares, non poñan as vivendas no mercado do alugueiro”.