sábado, 30 de noviembre de 2024

O PP brinda por un novo ano no que o partido siga sumando éxitos en Ourense e contribuíndo a que Galicia e a provincia funcionen





Asisto onte á cea de Nadal na que Partido Popular brindou onte con máis de 600 afiliados e simpatizantes de Ourense por un novo ano no que a formación siga sumando éxitos e contribuíndo, a través dos seus representantes autonómicos e nacionais, a que tanto Galicia como a provincia sigan funcionando.

Na súa intervención, Paula Prado quixo poñer en valor precisamente a ampla representación coa que conta a provincia e agradecer o traballo dos 56 alcaldes e alcaldesas, que “están cada día ao carón dos seus veciños” e dos 3 deputados nacionais e 3 senadores que “reivindican a Galicia como exemplo”. Así como tamén dos 8 deputados e deputadas autonómicos e do resto de persoas que “contribúen a facer do PP de Ourense un referente para toda España”.

 

A secretaria xeral do PPdeG incidiu en que os gobernos populares son sempre garantía de estabilidade e puxo como exemplo o feito de que tanto a Deputación de Ourense como a Xunta de Galicia van empezar o 2025 cuns Orzamentos aprobados. Algo do que, apuntou, non poden presumir nin o Goberno central nin moitos concellos dun PSOE e dun BNG “sumidos na desunión e a debilidade”.

 

Así mesmo, asegurou que o PP ourensán “vai seguir sumando éxitos” como os de este ano, no que a provincia outorgou un 50% de apoio a Alfonso Rueda e houbo máis dun 51% de votos populares nas eleccións europeas. E todo, salientou, “baixo o mandato na provincia de Luis Menor”, ao que agradeceu o seu “excelente” labor.

 

MIGUEL TELLADO: “ESPAÑA MERECE OUTRA COUSA”

 

O portavoz do Grupo Popular no Congreso, Miguel Tellado, destacou na súa intervención que ao Goberno de Sánchez “estánselle caendo todas as bandeiras”, xa que “viñeron ser o Goberno máis limpo e están de corrupción ata o pescozo, con comisións, bolsas de cartos e maletas con non se sabe que”. Tamén pretendía ser, recordou, “o máis feminista”, pero neste sentido criticou o sucedido co ex portavoz de Sumar, Iñigo Errejón.


Nesta liña denunciou a inacción do Executivo estatal, que non tramitou os Orzamentos Xerais do Estado “porque envían máis papeis aos xulgados que ao Congreso”, e porque ten “máis leis do PP paralizadas que leis aprobadas”.

 

“España merece outra cousa”, concluíu subliñando que outra política é posible da man do presidente Alberto Núñez Feijóo: “O líder que Ourense viu nacer, Galicia viu gobernar e o que o noso país merece”.

 

Celebrou tamén poder volver a Ourense e puxo en valor o gran traballo que está a facer o PP da provincia, apoiando tanto ao Goberno da Xunta, liderado por Alfonso Rueda, como ao da Deputación provincial, que “están centrados nos ourensáns e en todos os galegos”.

 

LUIS MENOR: “O PRINCIPAL DESAFÍO PARA 2025 SERÁ A CONSOLIDACIÓN DAS XUNTAS LOCAIS DA PROVINCIA E DE OURENSE CIDADE”

 

O presidente provincial, Luis Menor, afirmou pola súa banda que “o principal desafío para 2025 será a consolidación das xuntas locais da provincia e da capital”, afrontando así “o inicio dun amplo período congresual”. Advertiu neste sentido que cómpre non perder de vista o horizonte das municipais de 2027, co fin de configurar coa antelación suficiente “os mellores equipos en todas as xuntas locais”. Uns órganos que cualificou  como “piares da estrutura do partido no territorio e para a máxima coordinación coa dirección provincial”.

 

Fixo unha mención específica á xunta local de Ourense, agora baixo a dirección dunha xestora, sinalando que “a xunta da capital é un paso necesario para construír unha alternativa de Concello, cun proxecto que ilusione á cidadanía”. Nesta liña, apelou ao compromiso dos militantes “para sumar esforzos, seguir facendo virtude da unión e consolidar a nosa presencia en cada concello e en cada barrio”.


Luis Menor, que agradeceu a multitudinaria resposta á convocatoria que contou con máis de 600 asistentes, repasou a actividade do partido desde o congreso provincial de xullo, destacando que das 15 propostas formuladas nese programa “hoxe temos en marcha ou en fase de organización case o 60%”.

 

Así, citou a constitución das 13 vicesecretarías e dos 9 comités de traballo que forman parte do organigrama da formación e que “están sempre abertas a novas incorporacións”, unha maior presenza da mocidade a través de Novas Xeracións coa campaña Escoitando para medrar; o aumento de militantes, con medio cento de novos afiliados; ou a celebración da primeira Interparlamentaria do PPdeOU, na que baixo o lema #OrgullodoRural os cargos electos na Deputación, no Parlamento de Galicia, no Congreso e no Senado se comprometeron á defensa e promoción do rural como garante do futuro do territorio.