jueves, 7 de noviembre de 2024

Escoitando as reflexións de Manuel Pimentel sobre "Sociedade, agricultura e alimentación ¿unha relación equívoca?”



Escoito esta tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel ao exministro de Trabajo y Asuntos Sociales, Manuel Pimentel, que pronunciou unha conferencia titulada: “II Conversacións Quo Vadis…? Sociedade, agricultura e alimentación, ¿unha relación equívoca?”

Pimentel dividiu a súa intervención en tres bloques, abordando en primeiro lugar a visión negativa da agricultura que ten a sociedade urbana europea. No segundo bloque falou da economía do sector e, por último, reflexionou sobre o futuro da actividade agraria. "A sociedade urbana non sabe de agricultura, pero sabe o que lle custa o carro da compra", sinalou Pimentel. O experto insistiu en que a sociedade "preocúpalle cero a alimentación e moito o medio ambiente", motivos polos que as regulacións aprobadas "expulsaron aos agricultores, facéndoos invisibles".


Foi presentado polo presidente da Deputación Luis Menor que fixo un repaso pola biografía do ponente, que destaca pola súa participación en empresas andaluzas vinculadas á agricultura e ao medio ambiente. Neste senso, Luis Menor puxo en valor a riqueza do campo ourensán como unha das claves da calidade de vida no noso territorio. "Se temos a posibilidade de ser declarada como sexta 'zona azul' do planeta, pola ultralonxevidade dos nosos habitantes, un dos factores determinantes podería ser a calidade dos produtos agrícolas de proximidade", sinalou o presidente.

Menor incidiu en que sen o campo ourensán, a gran cantidade de centenarios que atesoura a provincia sería "moi diferente, ou inexistente". Ademais, o presidente provincial invitou a reflexionar sobre o esquecemento que a sociedade urbana europea fai do campo e o abandono que senten agricultores e gandeiros.

Biografía de Manuel Pimentel

Manuel Pimentel (Sevilla, 1961) é enxeñeiro agrónomo, licenciado e doutor en Dereito, diplomado en Alta Dirección de Empresas e máster en Prevención e Xestión de Riscos na Comunidade. É editor da editorial Almuzara, director e presentador de Arqueomanía, o programa de divulgación arqueolóxica de TVE2, así como membro do consello asesor de diversas empresas. Pimentel escribiu 10 novelas, 4 libros de relatos e un total de 15 ensaios, ademais de coordinar varios estudos e monografías.