Asísto esta mañá al acto de entrega do Premio Ourensanía 2024 a Olegario Vázquez Raña, un empresario mexicano, con orixes en Avión e que durante todo este tempo mantivo o contacto con Galicia.
Luis Menor enxalzou a "conexión emocional" que supuxo a concesión deste galardón, nomeadamente a conexión que vincula á provincia coa emigración: "Ourense é unha provincia emigrante e Olegario Vázquez Raña exemplifica a audacia, o esforzo, o sacrificio e o traballo daqueles que se viron obrigados a deixar a súa terra para buscar un porvir; e aínda atopándoo, nunca esqueceron as súas raíces"
Por iso, e porque é difícil atopar a unha persoa en Ourense que non teña vínculos coa emigración, "é polo que o Premio Ourensanía deste ano conecta co máis profundo da idiosincrasia ourensá", expresou o presidente provincial, quen abundou en que a través de Olegario Vázquez Raña, "facemos partícipes deste premio aos milleiros de galegos na diáspora e que desde outros lares contribuíron a manter viva a nosa terra nos momentos máis complicados”
Menor tamén fixo un repaso á traxectoria vital, empresarial e deportiva do Premio Ourensanía 2024, co tiro olímpico como unha das súas grandes paixóns, xunto á súa familia, o piar fundamental da familia Vázquez Raña. Precisamente, o presidente provincial fixo súas unhas palabras da dona do premiado, María de los Ángeles Aldir: "Para el non existía o cansanzo nen o tropezo, sempre se levantaba co firme propósito de ser mellor cada día", manifestando así o inspirador modo de vida dunha persoa que é "todo un orgullo para esta provincia e para esta Deputación", concluíu o presidente provincial.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor a contribución de toda a emigración, e nomeadamente de empresarios como Vázquez Raña, á hora de transformar a Galicia nunha terra moderna e con oportunidades para emprender e traballar. “A nova Galicia é un territorio fértil para emprender, traballar e triunfar grazas a esa xente que saíu cando todo estaba máis difícil”, apuntou.
“Olegario é un home de mundo que nunca esqueceu as súas raíces; un home Incansable, valente, con valores familiares e gran deportista”, afirmou Rueda, en referencia isto último aos “enormes éxitos” que colleitou na disciplina de tiro olímpico.
O titular do Executivo galego valorou como a emigración galega axudou a construír Galicia desde o exterior, ao tempo que tamén se integraban nas súas sociedades de acollida. “El e tantos outros desa Galicia emigrada nos enviaron dende onde estaban traballando duramente a mensaxe que necesitabamos: ‘se nós puidemos nunha terra que nos era estraña ao principio, todo o mundo pode”, subliñou. Neste sentido, puxo en valor o “carácter aberto” da galeguidade que axudou a establecer comunidades fortes e que “busca por enriba de todo a unión”.