lunes, 7 de octubre de 2024

Sobre a Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas que fai especial fincapé nas urbes


O Consello da Xunta tomou hoxe razón da aprobación, por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, da Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, cuxa finalidade é crear unha rede territorial continua entre aqueles espazos de maior valor ambiental, paisaxístico e cultural. Para iso deseñarase unha planificación que permita conservar a biodiversidade e garantir o bo estado dos ecosistemas polos beneficios que achegan á sociedade e á sustentabilidade do planeta.

Ademais, reforzarase a posición de Galicia como refuxio climático e como destino turístico verde e sustentable. Nesa liña, é fundamental dotar as cidades de espazos verdes urbanos -parques, xardíns, fontes ou áreas recreativas- que repercutan, entre outras cuestións, na redución das emisións á atmosfera -nas áreas urbanas xéranse entre un 40% e un 70% das emisións de gases de efecto invernadoiro- e na mellora da calidade de vida da cidadanía xo que son beneficios tanto desde o punto de vista da saúde como da interacción social ao seren estas zonas un espazo de encontro e lecer colectivo. 

Renaturalización das cidades

Nese senso, a estratexia de infraestrutura verde fai especial fincapé nas urbes promovendo iniciativas como a creación de rúas verdes coa plantación de especies autóctonas que, xunto co uso de pavimentos naturais, contribúan a atenuar o efecto “illa de calor”; a implantación de novos espazos como fachadas, cubertas, muros e balcóns verdes; o deseño de parques e xardíns; o aproveitamento das oportunidades que ofrecen as zonas de periferia -camiños rurais, áreas recreativas, etc.-.

Así mesmo, recuperarase a integridade ecolóxica dos cursos fluviais e das zonas húmidas, englobados nas áreas urbanas e periurbanas; controlaranse e erradicaranse as especies exóticas invasoras; crearanse microrreservas que sirvan de refuxio á fauna comedoiros, caixas niño, etc.- e tomaranse en consideración as necesidades de conexión de hábitats dos polinizadores. 

A estratexia representa, polo tanto, un cambio de paradigma na ordenación do territorio, xa que permitirá reducir a fragmentación de hábitats que albergan ecosistemas clave para o benestar da poboación. Ao abeiro desta iniciativa, ademais do deseño dunha planificación e xestión do territorio que respecte os ecosistemas máis vulnerables, fortalecerase a coordinación entre as distintas administracións públicas para garantir o éxito da implementación desta infraestrutura verde, e darase prioridade á información, formación e participación da cidadanía nesta materia. 

Captación de fondos europeos

Ademais, a aprobación desta estratexia sitúa Galicia nunha posición vantaxosa para poder captar fondos europeos orientados á restauración ambiental, tanto por parte das administracións como de entidades privadas. As institucións comunitarias están a impulsar iniciativas de cara a recuperar a saúde dos ecosistemas, deter a perda da biodiversidade e mitigar os efectos do cambio climático á vez que se impulsa unha economía máis sustentable. 

Deste xeito, serán susceptibles de obter financiamento proxectos de renaturalización, como, entre outros, a creación de cintos verdes nas cidades, a reformulación de espazos con solucións baseadas na natureza que favorezan a infiltración e eviten inundacións, a instalación de microhábitats ou illas de biodiversidade e a recuperación de fontes públicas. Tamén se incluirían actuacións de desfragmentación como, por exemplo, o deseño de pasos de fauna acuática e terrestre ou o desenvolvemento de sendas de continuidade entre os espazos urbanos e os periurbanos ou rurais.

A maiores, a Estratexia galega de infraestrutura verde identifica áreas prioritarias de restauración ecolóxica, nas cales se mellorará o estado de conservación dos hábitats con actuacións como, por exemplo, a erradicación de especies exóticas invasoras ou a recuperación de bosques de ribeira. Estas accións, que se levarán a cabo en, polo menos, o 15% dos ecosistemas alterados, desenvolveranse a través de proxectos específicos e permitirán a creación de novos postos de traballo directos e indirectos, principalmente no ámbito rural.

Unha vez aprobada esta estratexia, no ano 2025 elaborarase o primeiro plan de seguimento e implantación da infraestrutura verde de Galicia, en que se concretarán as medidas que se desenvolverán nun período temporal que se prolonga, acorde coas estratexias europea e española, ata o ano 2050. Nese plan tamén se incluirá a constitución, dentro do Consello Asesor da Paisaxe, dunha comisión sectorial na cal participarán expertos neste eido. Cómpre lembrar que o Goberno galego xa vén traballando nesta materia. 

De feito, a Comisión Europea seleccionou a Xunta, que delegou no IET a misión de coordinar a iniciativa GIFT (Green Infrastructure for Forest and Trees), cuxa misión é establecer medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da infraestrutura verde e da paisaxe. Impulsado no marco do Interreg Europe-Feder e cun orzamento de 1,9 M€, o proxecto, en que participan 9 entidades máis de países e rexións da UE, pon especial énfase e atención nos bosques, árbores e paisaxes que albergan os territorios asociados, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga ou a fixación de carbono, entre outros. 

Ademais, o IET tamén lidera o proxecto Green Gap, que, cun orzamento de máis de 2,1 M€, financiado no marco do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027), ten como obxectivo contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes nesta área. Nesta iniciativa participa un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias neste eido e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.