Onte en Ourense o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o papel clave que xoga a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal, especialmente no ámbito da investigación e o coñecemento, como unha demostración clara da irmandade entre ambos territorios e unha garantía para que os lazos entre ambos territorios sexan permanentes e produtivos: ”Sendo estruturas políticas diferentes, agradezo o seu esforzo por tomar políticas valentes. A cooperación serve, a cooperación funciona”, remarcou.
Así o apuntou na inauguración do I Congreso do
programa Iacobus, celebrado no marco do 10º aniversario da posta en
marcha desta iniciativa, ao mesmo tempo que definiu a Eurorrexión como un dos
espazos máis dinámicos de cooperación dentro da Unión Europea. Rueda fixo
fincapé na importancia de proxectos como o Iacobus, que fomenta a
colaboración entre universidades e centros de investigación de ambos lados da
fronteira: “O noso obxectivo era que esta cooperación puidésese trasladar a
algo concreto, algo que a xente percibise, e atopámolo poñendo o foco aquí, na
cooperación entre universidades”, destacou o presidente.
Neste sentido, subliñou que o programa é un exemplo de
como a colaboración entre territorios pode transformar as fronteiras en puntos
de encontro. Ademais, destacou que a inclusión de novos centros tecnolóxicos no
programa –na xornada de hoxe pasarán tamén a beneficiarse do programa o Centro
Tecnolóxico Clúster de Acuicultura (Ribeira) e o Centro de Interface
Tecnolóxico e Industrial (Arcos de Valdez)– non só reforza o proxecto, senón
que expande as súas oportunidades de impacto en sectores clave como a economía,
a cultura e o emprendemento: “Un proxecto que empezou modestamente e que agora
está dando moitos froitos e dá posibilidades para acceder a outras
financiacións europeas”, salientou.
Unha década de intercambio
O programa Iacobus, promovido pola
Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión
Galicia-Norte de Portugal, facilita estadías de investigación e mobilidade de
profesionais entre as universidades, institutos politécnicos e centros
tecnolóxicos e fundacións biomédicas de Galicia e o Norte de Portugal.
A iniciativa,
na que participan 39 entidades, vai dirixida a persoal investigador pre e
posdoutoral, docente (PDI), e de administración e servizos (PAS) das
universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos. Nesta década en
activo, o programa destinou máis de 2 M€ a financiar estadías de investigación,
patentes e artigos publicados en revistas científicas