En concreto, Óscar Puente terá que render contas sobre a posición do Goberno central en relación coa activación da transferencia da titularidade e xestión a Galicia da AP-9, así como sobre o cumprimento dos compromisos que adquiriu sobre a implantación de novas bonificacións aos usuarios e o da gratuidade da autoestrada, expresada polo candidato socialista José Ramón Gómez Besteiro na campaña das pasadas eleccións autonómicas.
A comparecencia, solicitada hai poucos días polos populares, acordouse esta mañá na Xunta de Portavoces do Congreso, na que estiveron presentes varios deputados galegos liderados polo voceiro, Miguel Tellado.“É importante que forzáramos esta comparecencia do Goberno central e de Óscar Puente en particular. Non é habitual que dean explicacións, como tampouco fixo Sánchez na súa reunión co presidente Rueda, pero agardamos que está vez si o fagan”, sinalei.
PROPOSICIÓN DE LEI SOBRE A AP-9
Así mesmo, durante a reunión, Tellado chamou a atención sobre “a parálise á que o PSOE e o seu brazo armado, Francina Armengol, teñen sometido a este Congreso”, en referencia a que a Mesa volvera ampliar unha semana máis o prazo de presentación de emendas á Proposición de Lei sobre a AP-9.
Cómpre lembrar que a proposición ten a súa orixe no Parlamento de Galicia, onde se aprobou por unanimidade, e o prazo de emendas xa leva media ducia de prórrogas esta lexislatura despois de que na pasada se prorrogara 15 veces.
“Queremos que conste en acta a nosa petición de que se peche xa o prazo de presentación de emendas e se tramite esta lei. O PPdeG non vai consentir que nesta lexislatura o Goberno central e os grupos que o apoian, como o BNG, sigan bloqueando esta importante iniciativa para Galicia”, abundei, salientando como os deputados galegos do PP están a poñer a cuestión da AP-9 “no lugar preferente que demandan todos os galegos e galegas”.
Delgado, xunto a Tristana Moraleja e Pedro Puy, forma parte da ponencia encargada de debater a Proposición de Lei Orgánica na Cámara Baixa.