miércoles, 25 de septiembre de 2024

O Parlamento galego demanda ao Goberno de España a elaboración dun estudo sobre o custo que suporía o rescate e a gratuidade da AP-9

 

O Pleno Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que elabore un estudo, serio e minucioso, sobre o custo que suporía o rescate e a gratuidade da AP-9, dando traslado do seu resultado ás forzas políticas con representación nesta Cámara. 

O portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, lembrou que o estudo realizado pola Xunta estipula a transferencia sen rescate en 528 millóns de euros e a transferencia con rescate nun importe entre os 1.612 e 2.355 millóns de euros en función das distintas opcións para o cálculo do lucro cesante.

Roberto Rodríguez afirmou que “Galicia aspira desde hai 15 anos a xestionar a súa autoestrada e por iso esiximos e imos a seguir esixindo ao Goberno de España que atenda o acordo unánime deste Parlamento, referendado no Congreso hai apenas tres meses, para transferir a Galicia a competencia sobre a xestión da AP-9”.

DESCONFIANZA

“Pero, por desgraza, crece a desconfianza sobre a posibilidade de que esta lexítima demanda vaia a ser unha realidade no curto prazo pola falta de vontade expresada polo propio Goberno de España, primeiro polo ministro de Transportes e, máis recentemente, polo propio Presidente Sánchez, ao non responder á pregunta que lle trasladou o Presidente Rueda sobre se vai apoiar ou non a transferencia da autoestrada”, manifestou.

O portavoz popular tamén criticou “a frivolidade coa que o Goberno de Pedro Sánchez aborda o custo deste compromiso”, logo de que o ministro de Transportes “mesture custo de transferencia e custo do rescate e oscile o importe entre 1.260, 2.600, 4.000 ou 6.000 millóns de euros”.

Diante desta situación, Roberto Rodríguez esixiu “rigor e unidade: rigor, a través da elaboración por parte do Goberno de España dun estudo, serio e minucioso, sobre o custo que suporía o rescate e a gratuidade da AP-9; e seriedade, para que se cumpra a que foi unha demanda unánime das forzas políticas galegas”.

DOUS POSIBLES ESCENARIOS

Respecto do estudo realizado por unha empresa para a Xunta de Galicia, Rodríguez explicou que aborda dous posibles escenarios. Un primeiro, que analiza o custo que suporía a transferencia da AP-9 sen rescate e que ascendería a máis de 526 millóns de euros. “É practicamente o mesmo importe que lle vai custar ao Goberno de Pedro Sánchez a anunciada liberación da AP-7 en Alacante, unha autoestrada que xa conta cunha alternativa sen peaxes”, sinalou.

E, en segundo lugar, analízase o suposto dunha transferencia con rescate da concesión. Neste caso, o custe oscila entre os 1.612 e os 2.355 millóns de euros, en función das distintas opcións para o cálculo do lucro cesante.