Tal e como explicou, o informe hoxe avaliado mostra
que o Goberno galego pechou o exercicio cun déficit do 0,18 % do PIB –“case
tres puntos menos que no 2022”- e cunha taxa de endebedamento do 16,1 %, “a
máis baixa desde 2012”.
Os datos definitivos amosan que Galicia pechou o 2023
cunha execución do orzamento consolidado (sen incluír os fondos NGEU) do 99,6
%; un déficit orzamentario de 138 millóns de euros, o que representa o 0,18% do
PIB; e cunha ratio débeda/PIB do 16,1 %, 3,7 puntos por debaixo do nivel que
presentaba este indicador ao inicio da pandemia (19,7 %).
Período medio de pagamento
Rueda lembrou que a conta xeral pódese apreciar que
Galicia non só foi das comunidades autónomas que cumpriu de novo os obxectivos
de déficit e de débeda, senón que tamén “foi unha das que liderou o tempo de
pagamento a provedores”. En concreto, tal e como engadiu o conselleiro de
Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, rematou o 2023 cun período
medio de pagamento “de 14,82 días, fronte aos 27,87 de media das comunidades
autónomas, o que confirma que Galicia pagou as súas facturas case na metade de
tempo que o conxunto das comunidades”. Desta forma, a Xunta de Galicia, un
exercicio máis, é quen de compatibilizar altos niveis de execución, con grandes
esforzos investidores e un áxil pagamento aos provedores.
Outra das magnitudes que permiten analizar a xestión
orzamentaria e a sustentabilidade das finanzas públicas e o aforro bruto,
medido como a capacidade de financiar gastos de capital con ingresos correntes.
Este indicador mostra que as finanzas galegas reservan arredor do 9 % dos seus
ingresos correntes (1.089M€) para financiar operacións de capital que
contribúen á mellora económica de Galicia no medio prazo.
En canto ao esforzo investidor, o ano pasado Galicia
destinou o 17 % do total do gasto non financeiro a investimentos.
Con estes indicadores, o Executivo galego reafirma a
súa aposta por un modelo de crecemento baseado no cumprimento dos obxectivos de
déficit e de débeda, o que permite ter maior marxe de gasto nos investimentos,
reforzar o gasto social e pagar con máis axilidade aos provedores da
Administración. “Os datos amosan unha xestión dos orzamentos rigorosas que da
certezas e confianza a cidadáns e empresas”, indicou Corgos.
A Xunta de Galicia remitirá agora a conta xeral ao
Parlamento e ao Consello de Contas cumprindo a normativa en vigor. Este ano a
rendición realízase de xeito telemático dando así cumprimento a unha das
recomendacións do Consello de Contas.