Hoxe ás 13:00 horas enviábanme desde Ourense esta fotografía que mostraba como operarios estaban a instalar no exterior da estación intermodal de Ourense un cartel anunciador das ansiadas obras.
Ás 22:40 cheguei no AVE a esta estación procedente de Madrid e puiden comprobar como o cartel estaba xa finalizado e lucía recentemente estreado.
Recordo que o 16 de setembro, é dicir fai xusto dez días, en unión doutros responsables políticos do PP de Ourense demandei o inicio destas obras das estación intermodal.
Alí dixen que o 20 de febreiro de 2024 formalizouse entre ADIF Alta Velocidade e a UTE adxudicataria o contrato de execución das obras e que case sete meses despois desa data non se apreciaba na estación signo aparente algún de que as mesmas comezasen (nin cartel de obra, nin casetas, nin maquinaria, nin valados, nada..)”.
E iso iso pese que o pasado 28 de maio de 2024 na Comisión de Transportes e Movilidade Sostible a secretaria xeral de transportes do ministerio, dixo que o 17 de maio de 2024 iniciáronse as obras de ampliación e remodelación da nova estación intermodal.
Esta semana como xa dixen neste blog, por fin apreciáronse movementos na estación que fan presaxiar o inicio efectivo das obras; por unha banda o despexe de vagóns de mercadorías e o valado de parte da praia de vías. E por outra banda a colocación hoxe mesmo do citado cartel.