jueves, 12 de septiembre de 2024

A conselleira Martínez Allegue explica á directiva da Federación Galega de Transportes de Mercadorías o estudo sobre a transferencia e rescate da AP-9

 

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas,
María M. Allegue, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, explicou hoxe á Federación Galega de Transporte de Mercadorías (Fegatramer) o estudo sobre a transferencia e rescate da AP-9.

A responsable autonómica de Infraestruturas e o presidente de Fegatramer, Ramón Alonso, coincidiron en que o Ministerio debe comprometerse coa transferencia da AP-9. Neste sentido, a conselleira detallou á federación o estudo encargado pola Xunta para determinar o custo do traspaso da AP-9 e do rescate, un documento que xa foi remitido tamén ao Ministerio de Transportes.

Cómpre lembrar que o estudo, elaborado por unha empresa experta e independente, cifra en 526M€ o custo da transferencia da AP-9 a Galicia e o rescate oscila entre 1.612M€ e 2.355M€, uns números que distan moito dos ofrecidos nos últimos meses polo ministro Óscar Puente, que falou primeiro de 2.000M€, logo de 4.000€ e finalmente ata 6.000M€.

A conselleira recordou que se solicitou un encontro de traballo co Ministerio para clarificar estas cifras, pero aínda non houbo resposta.

Fixo fincapé na necesidade de abordar co Ministerio de Transportes os descontos na autoestrada, tras as palabras desta semana do ministro “zanxando as novas bonificacións tanto para a AP-9 como para a AP-53, entre Santiago de Lalín, que foran comprometidas no acordo co BNG e o PSdG para a investidura de Pedro Sánchez”.