sábado, 6 de julio de 2024

No acto de nomeamento da doutora Marisa Crespo Leiro como filla predilecta da provincia de Ourense




Asisto esta mañá ao acto de nomeamento da doutora Marisa Crespo Leiro como filla predilecta da provincia de Ourense. Decisión tomada pola unanimidade da Deputación Provincial.


A doutora Crespo licenciouse en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, especializándose en Cardioloxía no Hospital Porta de Hierro de Madrid, e doutorándose na Universidade Autónoma de Madrid. Tras desempeñar o seu labor como cardióloga no Hospital Virxe da Saúde de Toledo, ingresou no Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde exerce como xefa de sección da área de Insuficiencia Cardíaca.


Así mesmo, coordina o Grupo de Investigación de Insuficiencia Cardíaca avanzada do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e é xefa de Grupo no CHUAC do Centro de Investigación Biomédica en Rede Cardiovascular (CIBERCV) do Instituto de Saúde Carlos III. En outubro de 2023, foi nomeada vicepresidenta electa da Sociedade Española de Cardioloxía.


O presidente provincial, Luis Menor, recalcou ante o ateigado salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel, que "estamos ante unha das persoas con maior prestixio de Ourense, unha eminencia nun ámbito tan especializado como a Cardioloxía" e recalcou que "grazas ao traballo, á traxectoria, á excelencia e a calidade humana e profesional de Marisa, facemos un Ourense máis grande, unha provincia mellor".


Marisa Crespo agradeceu emocionada o recoñecemento da Deputación, e articulou un discurso centrado nos seus grandes piares: a súa terra, a súa profesión e a súa xente. Lembrou que é natural de Santrós, parroquia de San Martin de Lamas, no concello de Cea, de fama internacional polo seu pan "onde o pan é arte".


Tivo un recordo para os seus pais Mº Generosa Leiro e Modesto Crespo. "Parecese que os seus nomes dalgunha maneira ensináronnos á miña irmá Maria e a min o camiño da entrega e da discreción. A miña nai mestra, filla de mestres e moi vocacional. No seu obituario díxose dela "que puxo en práctica todas as benaventuranzas. O meu pai, Modesto, industrial madeireiro (que non puido ter estudos superiores) mostrounos a relevancia dos valores: honestidade, afán por aprender e capacidade de gozar coa tarefa diaria. A miña irmá Maria, médico do centro penal de Pereiro Aguiar, un exemplo de compromiso e entrega cos demais".


Lembrou que a súa primeira escola foi no medio dun monte e sen luz eléctrica, en contacto pleno coa natureza. Logo, interna no colexio carmelitas de Ourense, estudou Medicina en Santiago de Compostela. No hospital Cristal-Piñor fixo prácticas de medicina coa Dra Pilar Lamela, e o curso rotatorio de 6º medicina no Hospital Santa Maria Nai, co Dr Manolo de Toro, no servizo de Medicina Interna que dirixía o Dr Jose Fernández. Especialista en Cardioloxía na Clínica Puerta de Hierro de Madrid, destacando ao seu mentor Luis Pulpón. Tras apenas 1 ano de traballo en Toledo, como cardiólóga, desde 1993 traballa no CHUAC (A Coruña) , onde dirixe a Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante cardíaco.


A importancia do traballo en equipo


Quixo referir Marisa Crespo no seu discurso a importancia do traballo en equipo. "O éxito do programa de transplantes do CHUAC na Coruña é o traballo en equipo. Somos unha cadea, que é tan forte como en máis débil dos seus elos. O noso traballo é dunha enorme complexidade. Non só é necesario que un cirurxián sexa moi experto ou un médico moi traballador e sabio. Nun só transplante traballan moitísimas persoas con diferentes responsabilidades, todas importantes, por sinxelas que parezan. Calquera erro nalgunha delas pode levar ao fracaso e a morte do paciente. De aí a importancia de coidar a todo o equipo", expilicou, ao tempo que deixou claro que "sen doantes non hai transplantes. E Ourense merece un recoñecemento público por ser unha provincia cunha alta taxa de doazón de órganos para transplante, por encima da media nacional".


"A Medicina ensinoume moitas cousas, unha delas foi a de tratar de empatizar co paciente, a persoa que sofre. E entender sempre á outra parte, á súa familia, á súa contorna, ás súas circunstancias. Isto é unha aprendizaxe continua. O meu obxectivo resúmoo nunha frase: tratar ao paciente como a min me gustaría ser tratada.


Marisa Crespo agradeceu emocionada o recoñecemento provincial: "Grazas á Deputación de Ourense, na persoa do seu presidente, Luis Menor, que me outorga este recoñecemento que non pode ser máis motivador para min. Agora síntome máis obrigada que nunca a continuar a senda de traballo, investigación e entrega a unha profesión que naceu claramente para axudar aos demais".