A Xunta xa ten en marcha, en diferentes fases, o 30% das novas vivendas protexidas comprometidas para esta lexislatura, segundo avanzou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, no acto da presentación da estratexia “Vivenda: retos de futuro”, celebrado na Cidade da Cultura ante preto dun cento de asistentes, entre os que figuraron representantes da Administración autonómica e local, e profesionais do sector. Na xornada, ademais da conselleira, interviñeron o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e a secretaria xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Marián Domínguez.
M. Allegue defendeu ante o sector que o acceso á vivenda é un traballo onde “todos sodes necesarios” e lembrou que este reto precisa “un compromiso no longo prazo, a través dunha planificación rigorosa”. Neste senso, avanzou que xa están en diferentes fases máis de 1.200 vivendas protexidas das preto de 3.500 comprometidas para construír ou rehabilitar polo Goberno galego ao longo desta lexislatura, cun investimento de 580M€, ata acadar o número de 8.000. Ademais, está xa cumprido o reto de sumar 375 novas vivendas de promoción públicas nos primeiros 100 días de Goberno, cuxas obras están xa adxudicadas ou a piques de adxudicarse na Coruña, Vigo, Santiago e Pontevedra.
Ademais, outras 222 vivendas están en proceso de licitación ou a punto de iniciarse esa tramitación e están redactados 362 proxectos de obra de futuras vivendas de promoción pública. Así mesmo, está en proceso a adquisición de 168 novas vivendas para alugueiro á Sareb e a entidades financieiras, foron licitados 79 proxectos de vivendas de promoción pública en Áreas Rexurbe e están en execución 12 vivendas de promoción pública a través do programa Rexurbe.
Ademais, a estratexia aprobada pola Xunta prevé incrementar o solo residencial para facilitar a construción de 25.000 novas vivendas, 20.000 protexidas e 5.000 libres. A primeira fase desta estratexia, que xa se está a desenvolver conta cun orzamento de 43M€ que permitirá “unha planificación flexible e unha promoción áxil” a través dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) promovidos pola Xunta a través dos acordos cos concellos, “aos que agradezo sinceramente a súa implicación”.
“O noso deber é dar respostas -subliñou Allegue- e facémolo con rigor,
abordando o reto desde todas as perspectivas”. Lembrou así mesmo que neste 2024
xa están comunicadas un milleiro de axudas para adquisición, alugueiro ou
rehabilitacións de vivendas.
Axudas eficiencia enerxética e rehabilitación
De feito, sinalou que este mesmo xoves convocáronse desde o IGVS as achegas
para actuacións de eficiencia enerxética, para rehabilitacións e para a elaboración
do libro de edificio e a redacción de proxectos de rehabilitación, cun
investimento total de 34,1M€.
A conselleira tendeu a man ao sector para “afondar no fomento da cooperación público-privada e no traballo conxunto por parte de todas as administracións”. “Pola nosa parte -engadiu- estamos a traballar para simplificar as normativas que atinxen ao solo residencial e darlle seguridade xurídica tanto aos promotores que están en condicións de construír nova vivenda coma aos propietarios de vivendas particulares”.
Pola súa banda, o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, deu conta dos investimentos para facilitar o acceso á vivenda, especialmente aos mozos, así como das principais liñas da Estratexia de Solo Residencial posta en marcha pola Xunta.
Ao respecto do acceso á vivenda, avanzou que hai xa 916 vivendas nalgunha fase de execución cun investimento de 156M€, situadas nas grandes cidades galegas e están programadas máis de 1.300 vivendas para unha segunda fase. No caso das rehabilitacións, destacou que no período entre 2021 e 2024 destináronse 265M€ en actuacións e axudas neste eido.
García Porto rematou destacando que a Xunta xa traballa para elaborar o seguinte Pacto de Vivenda no horizonte do 2030