jueves, 13 de junio de 2024

Aprobado o texto transaccionado polo que o Congreso insta ao Goberno a asumir a xestión directa da AP-9, a suprimir as peaxes e a impulsar a súa transferencia a Galicia

 


Hoxe no Pleno do Congreso foi aprobada esta EMENDA TRANSACCIONAL á unha moción debatida o pasado martes, entre o BNG (GPMixto) e o GPP:

O texto literal pactado entre PP e BNG dí:

“O Congreso insta o Goberno do Estado a que, en coherencia co procedemento aberto pola Comisión Europea, inicie os trámites para:

-     A anulación da prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP9

-     A asunción da xestión directa da autoestrada e a supresión das peaxes

-     O impulso da transferencia da AP9 a Galicia

Ademais, o Congreso insta o Goberno do Estado para encargar un estudo no que se exploren as vías xurídicas para a anulación da prórroga e avalíense os custos económicos que tería para o Estado a asunción da xestión directa da AP9”

 Saiu adiante con 181 votos_ PP. BNG, Sumar, Podemos, ERC,  Bildu, CC, e UPN

Votaron en contra: 32 (VOX)

Abstivéronse 132: PSOE, Junts e PNV.

Rematado o Pleno difundimos esta nota de prensa desde o PP de G:

 O Partido Popular de Galicia critica a falta de compromiso e as contradicións do PSOE no que se refire á transferencia da AP-9 logo de que hoxe os socialistas optaran por absterse na votación dunha iniciativa no Congreso na que se demandaba, precisamente, a supresión das peaxes e o impulso da transferencia desta autoestrada.

A moción que se votou esta mañá na Cámara Baixa insta ao Goberno de España a iniciar os trámites para a anulación da prórroga outorgada á concesionaria da AP-9, a asunción da xestión directa da autoestrada, a supresión das peaxes e o impulso da súa transferencia a Galicia. Así mesmo, demándaselle un estudo das vías xurídicas para a anulación da prórroga e unha avaliación dos custos económicos que tería para o Estado a asunción directa desta infraestrutura.

Grazas á maioría parlamentaria do Partido Popular e a pesar da abstención do PSOE –que se aliñou nesta postura cos seus socios de Junts e PNV– e o único voto en contra de VOX, esta iniciativa puido saír adiante na mesma semana na que o Congreso aprobou a toma en consideración da proposición de lei do Parlamento de Galicia para a transferencia da AP-9.

Neste sentido, o deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado, sostén que é necesario reverter a actual situación na que a empresa concesionaria está obtendo beneficios a costa de que os galegos paguen unhas peaxes demasiado elevadas.

“A única maneira de que poidamos sacar isto adiante é con intelixencia, con prudencia, analizando a viabilidade das súas consecuencias xurídicas e económicas, pero sen renunciar no obxectivo final: que a cidadanía galega poida circular de balde por unha infraestrutura que durante anos pagaron a un prezo desorbitado”.

Sobre o cambio de postura do PSOE, que hoxe se abstivo a unha iniciativa que –logo dunha emenda presentada polo PP– recolle os mesmos acordos que a que apoiaron no Parlamento galego, o deputado popular critica que os socialistas “digan unha cousa en Santiago e voten a contraria en Madrid” e que se limiten a afondar nun sistema de bonificacións que resulta insuficiente.

“Non ten sentido que se pretenda reducir todo a continuar co sistema de bonificacións cando o propio líder do PSOE en Galicia, e de conformidade con Pedro Sánchez, comprometía a gratuidade da AP-9 en campaña electoral”, explica Delgado recordando ademais o “boicot” á tramitación desta demanda no Congreso por parte do Goberno durante a pasada lexislatura.

A pesar dos cambios de opinión do socialismo, os populares comprometen así que farán todo o posible para que “os anhelos dos galegos e galegas non queden unha vez máis en dique seco” e que, dunha vez por todas, se faga realidade “unha AP-9 100% galega e libre de cargas”.