Asisto esta tarde na sede central do Partido Popular de Ourense a unha xuntamza de compromisarios e militancia da comarca de Ourense na que Luis Menor presentou as súas propostas orgánicas e de funcionamento da formación, como candidato á presidencia do PPdeOU.
No encontro Menor invitou expresamente a afiliados e simpatizantes a que acudan o próximo 13 de xullo ao Pazo dos Deportes Paco Paz, subliñando que desexa ver as gradas cheas de ourensás e ourensáns porque “este non é congreso de Luis Menor; quero que sexa o congreso da xente”.
Como candidato a unha alcaldía “pido o voto aos meus veciños; para a presidencia da Deputación tiven o apoio dos alcaldes; e para dirixir este partido preciso, ademais dos votos dos compromisarios, o apoio de toda a militancia, que é a que fai grande ao noso partido”, proclamou Menor, que desexa “compartir trunfos ao voso carón”.
Agradecido polas mostras de apoio recibidas estes días no seu percorrido pola provincia, o candidato lembrou a importante asistencia rexistrada na campaña das europeas, aínda que matizou que “agora non toca falar de eleccións; toca falar de partido”
O Partido Popular de Ourense demostrou nos oito últimos meses que “é quen de mobilizar as súas bases por todo o territorio”, puntualizou Luis Menor, que se comprometeu a manter un ritmo esixente, mentres que pediu “a todos vos un compromiso firme”.
O candidato, como nos resto das reunións, detallou as propostas que figuran no seu programa –“un documento vivo e aberto a novas achegas”-, con novas ideas sobre organización, asesoramento xurídico e técnico aos portavoces municipais; máis protagonismo ás voces máis veteranas e á mocidade do partido; maior atención ao colectivo emigrante; e a creación dunha Secretaría de Igualdade; ou formación adaptada ás necesidades dos representantes do partido.