A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou onte na presentación deste proxecto de trazado do treito Bemposta – N-525, que pechará a circunvalación polo sur conectando coa A-52 cun investimento de 9,8M€.
A Xunta inicia o trámite de información pública a efectos da Lei de Estradas e expropiatorios.
Co inicio deste trámite de información pública do citado treito, os interesados poderán formular alegacións ao proxecto ata o 7 de agosto de 2024.
Martínez Allegue avanzou que unha vez aprobado o trazado convocaranse os actos expropiatorios, pecharase o proxecto construtivo e poderase proceder a licitar a obra. Segundo esta planificación, apuntou que se prevén iniciar en 2026 os traballos, que terán un prazo de execución de dous anos.
Trátase do treito entre a estrada OU-105 en Bemposta ata a N-525 e completará a circunvalación polo sur conectando coa A-52. Neste sentido, a conselleira subliñou a importancia desta intervención para os concellos de Ourense e San Cibrao das Viñas.
Fixo fincapé en que esta actuación reducirá o tempo de viaxe, cun importante acurtamento na distancia de percorrido ata a autovía A-52, pasando de 7 minutos e 4,6 km que son necesarios a día de hoxe entre Bemposta e a N-525 a pouco máis de 1 minuto e 1,7 km de lonxitude.
Remarcou tamén o reforzo da seguridade viaria que suporá esta intervención, cunha aposta pola calidade de vida dos veciños ao sacar tráfico do centro de Ourense, desconxestionando o tránsito de rúas como Marcelo Macías ou a Avenida de Zamora.
Características técnicas
No que se refire ás características técnicas, explicou que se
prolongará a estrada OU-510, que une a OU-536 no Ceboliño coa OU-105 en
Bemposta, para conectala coa N-525 e coa A-52, completando un viario de circunvalación
perimetral da cidade de Ourense de acordo coa previsto no Plan Sectorial Viario
de Ourense e a súa contorna.
A intervención iníciase na glorieta na que conflúen as estradas autonómicas OU-105 e OU-510 e finaliza no enlace da N-525 e o ramal de acceso á A-52.
Sinalou que este treito terá unha lonxitude de 1,55 km e contémplase unha velocidade de proxecto de 80 km/h.
O treito que se construirá, entre os puntos quilométricos 0+000 e 1+550, contará con dous carrís, un carril por cada sentido, de 3,5 metros cada un, e beiravías de 1,50 metros. Nas zonas de maior pendente haberá un carril adicional
Este trazado, nese quilómetro e medio, precisa de tres importantes estruturas: un falso túnel de aproximadamente 55 metros de lonxitude xusto onde pasa a liña de ADIF; un viaduto de 95 metros de lonxitude sobre o Río Barbaña; e un paso superior que xa cara o final do trazado salva o acceso existente á EDAR San Cibrao.
A conselleira indicou que estas tres estruturas amosan a complexidade do trazado, polo que houbo que realizar adaptacións para buscar a mellor solución. Así, por exemplo, remodelouse o deseño do enlace da N-525, unha solución consensuada co Ministerio de Transportes.
Lembrou este vial xa viña previsto no Plan Sectorial da Rede Viaria de Ourense e repasou os pasos dados en canto á tramitación, dende a avaliación de impacto ambiental en 2020 ata as modificacións no trazado en coordinación do Ministerio de Transportes, debido ás necesidades estruturais para este treito.