viernes, 10 de mayo de 2024

O PPdeG reivindícase ante as eleccións europeas como o partido das familias: “Galicia é o mellor lugar para nacer, crecer e formar unha familia”


O PPdeG reivindicouse hoxe como o partido das familias galegas poñendo en valor as medidas pioneiras que está impulsando o Goberno de Alfonso Rueda e que fan de Galicia non só “o mellor lugar para nacer, crecer e formar unha familia", senón tamén “a Comunidade que máis apoio ofrece ás familias”.

Nunha intervención durante o acto celebrado en San Cibrao das Viñas para conmemorar o Día das Familias, a secretaria xeral do partido, Paula Prado, apostou por “seguir investindo no futuro da nosa mocidade e das nosas familias” tomando como punto de partida medidas xa implantadas en Galicia como a gratuidade educativa desde os 0 anos ata a universidade, a ampliación do acceso á fecundación in vitro ata os 45 anos e a posibilidade de conxelar óvulos na sanidade pública.

 

Un compromiso coas familias por parte de Alfonso Rueda que a número dous dos populares galegos contrapuxo ao un Pedro Sánchez que “non se acorda de Galicia” e a un BNG “aliado do radicalismo de Bildu e ERC”. Por iso apelou a que os galegos “non se deixen enganar” nas próximas eleccións europeas e opten polo sentidiño que garante o PPdeG: “O único partido comprometido coa defensa dos intereses de Galicia, tamén en Europa”.


Unha idea que complementou explicando que Galicia é así mesmo “o lugar perfecto para nacer e medrar en igualdade, para recibir unha educación de calidade gratuíta, para gozar dunha excelente sanidade pública e contar cun calendario de vacinación referente en Europa”.

 

FABIOLA GARCÍA: “AS FAMILIAS SON AS PROTAGONISTAS DE GALICIA”

 

A responsable de Política Social e Igualdade do Goberno galego, Fabiola García, reivindicou ás familias galegas como as verdadeiras protagonistas do seu día a día, da tarefa que desenvolve a súa Consellería e, especialmente, "as protagonistas da Galicia na que cre e impulsa o PPdeG e constrúe o presidente Alfonso Rueda".

 

Por iso concluíu que o Partido Popular é o partido que máis se parece ás familias galegas porque "impulsa medidas pioneiras e valentes para todas elas, sexan do tipo que sexan".

 

LUIS MENOR AVOGA POR POLÍTICAS QUE FAVOREZAN ÁS FAMILIAS

 

O líder provincial do partido, Luis Menor, situou ás familias como centro prioritario das políticas populares: “No Partido Popular sabemos que as familias son o eixo fundamental da nosa sociedade, polo que son obxecto primordial das políticas que desenvolvemos desde todos os ámbitos da xestión pública”.

 

“As administracións públicas temos que traballar día a día para adaptarnos ás necesidades das nosas familias”, lembrou Menor, referíndose ás políticas que a Deputación de Ourense ten en marcha para axudar á natalidade, servizos de axuda no fogar ou programas sociais específicos de atención a mulleres vulnerables e os que dan cobertura a persoas con enfermidades crónicas.

 

Menor proclamou que “as políticas do Partido Popular facémolas poñendo en marcha servizos, axudas e infraestruturas que contribúen a axudar ás familias no seu día a día e  facémolo así porque estamos ao carón da xente, escoitamos ás persoas e sabemos buscar as mellores respostas ás súas demandas, devolvéndolles os seus votos coas mellores políticas que favorezan a todas as familias”.

 

MARTA NOVOA PON EN VALOR A CONTRIBUCIÓN DO CONCELLO

 

A alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Novoa, quixo poñer en valor a contribución deste Concello á hora de mellorar os servizos dos que desfrutan as familias desde o punto de vista da conciliación e o apoio ás familias máis novas con nenos en etapas escolares.

 

Destacou neste sentido a colaboración institucional entre a Xunta, a Deputación provincial e o Concello  á hora de ofertar actividades extraescolares, campamentos e, desde o ano pasado, o servizo de conciliación para as familias traballadoras.

 

“Se somos un concello que ten cada vez máis xente nova e a nosa poboación medrou un 40% nos últimos 20 anos, é grazas ao incremento dos servizos municipais que axudan ao día a día das nosas familias”, subliñou.