miércoles, 8 de mayo de 2024

O Parlamento pide ao Ministerio de Cultura que axilice a rehabilitación do Museo Arqueolóxico de Ourense e informe dos prazos estimados

Hoxe o Parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reitera ao Ministerio de Cultura que axilice os traballos de rehabilitación que se levan a cabo no Museo Arqueolóxico de Ourense, informando con claridade dos novos prazos estimados. Así mesmo, pídese que inicie a licitación do equipamento necesario para este centro museístico, de tal xeito que se eviten novos atrasos.

O deputado popular José Luís Ferro explicou que o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense é un centro de titularidade estatal, cuxa xestión está transferida á Xunta de Galicia. A súa sede principal é o Pazo do Bispo na capital ourensá, aínda que as obras que se están a realizar neste edificio motivaron que na actualidade os seus servizos se trasladaran a Santa María de Europa, onde están almacenadas a maioría das coleccións.

Aínda que a remodelación do Pazo do Bispo retrotráese ao ano 2002, no foi ata 2014 cando o Ministerio de Cultura encargou a redacción dun proxecto de rehabilitación. Unha vez obtidos todos os permisos e licencias, procedeuse á licitación da obra, que foi adxudicada en xullo de 2019 por un importe de 9,2 millóns de euros e un prazo de execución de 30 meses.

SEN RESPOSTA DO MINISTERIO

“Con estes prazos, a obra debería ter rematado no ano 2022, pero non é así e xa, a finais de 2023, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición non de lei solicitando ao Ministerio a realización das accións oportunas para axilizar os traballos de rehabilitación do Museo Arqueolóxico de Ourense, informando con claridade dos novos prazos de execución estimados”, indicou José Luís Ferro.