viernes, 17 de mayo de 2024

A Real Academia Galega celebrou hoxe 17 de maio o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas homenaxeando a Luisa Villata

A Real Academia Galega celebrou hoxe 17 de maio o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas de Luisa Villata (1957-2004) na Coruña, a cidade onde naceu e viviu, e espazo literario constante na súa obra. 

A web da RAG informe que : "A sesión pública, tivo lugar no Teatro Rosalía e as alocucións sobre a homenaxeada foron pronunciadas polas académicas Ana Romaní e Margarita Ledo, e o académico Euloxio R. Ruibal. 

A parte musical correu a cargo da violinista da Real Filharmonía de Galicia Kiyoko Ohashi e da cantante e poeta coruñesa Estíbaliz Espinosa.

O pleno extraordinario rematou coa interpretación do himno galego de Estíbaliz Espinosa na voz e Ohashi no violín, tras a intervención do presidente da Real Academia Galega. 

Víctor F. Freixanes puxo o acento no compromiso cívico de Luísa Villalta en todas as súas dimensións, e especialmente na lingüística, nun chamamento a pensar o futuro do idioma propio colectivamente. Pasadas xa catro décadas da aprobación da Lei de Normalización Lingüística (1983) e cando se fan vinte anos do Plan de Normalización Lingüística (2004), “que só parcialmente chegou a executarse, debemos afrontar criticamente -tamén dende a autocrítica de todos os axentes sociais, non só políticos-, a realidade do idioma pensando no seu futuro, na súa proxección mesmo alén das nosas fronteiras, na súa utilidade, no seu uso, con especial atención ás xeracións do futuro” expresou. 

“A Academia non deseña a política lingüística. Non ten esas encomendas. Pero é unha institución crítica que dende o estudo, con datos contrastados enriba da mesa, asume as súas responsabilidades históricas, que veñen da tradición dos nosos fundadores, dende o ano 1906. Ou avanzamos ou retrocedemos. Non hai posicións intermedias. E para avanzar, con toda a sociedade detrás (toda), necesitamos sentarnos a falar e a deseñar un novo horizonte, un novo tempo que corrixa erros e abra esperanzas, onde se cadra todos teñamos que ceder algo para avanzar moito, sen medos, sen vendas nos ollos”, engadiu.

Coas nosas forzas, coa nosa vontade, ofrecémonos dende a Academia para traballar nesa dirección, nun proceso que, repito, non atinxe exclusivamente as forzas políticas, por máis que a elas corresponde a actuación, senón o conxunto de todos os axentes sociais: empresariais, sindicais, culturais, económicos, deportivos, relixiosos, de lecer e de entretemento, medios de comunicación, axentes da cultura… Tal era o compromiso de Luísa Villalta, a quen hoxe celebramos, exemplo dunha xeración dacabalo de dous séculos que alzaba con entusiasmo o facho dos avós e non renunciaba ao futuro. Tal era o seu exemplo”, concluíu o presidente da RAG."