martes, 23 de abril de 2024

PP pide rebaixar o nivel O PP demanda rebaixar a protección do lobo: “Trátase de garantir a supervivencia dos gandeiros e do rural galego”


O coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto, avogou hoxe por recuperar o equilibrio e a convivencia entre o lobo e os gandeiros mediante a rebaixa do nivel de protección co que conta actualmente esta especie: “Trátase de garantir a supervivencia dos nosos gandeiros e do rural galego”.

Así o asegurou esta mañá en declaracións aos medios no Congreso dos Deputados, acompañados por depuraos do PPdeG,  antes de asistir ao debate que terá lugar esta tarde sobre a toma en consideración da proposición de lei do Grupo Parlamentario Popular relativa á conservación do lobo en España e a súa cohabitación coa gandaría extensiva e a loita contra o reto demográfico.

 

“Hai unhas semanas debateuse no Senado esta mesma proposición para rebaixar a protección do lobo e tanto o PSOE como o BNG votaron en contra. É dicir, votaron en contra dos intereses do rural”, recordou ao tempo que contrapoñía este voto en contra da esquerda co feito de que ambos partidos apoiaran a inclusión do lobo no Listado de Especies Silvestres Protexidas (LESPRE).

 

Souto apuntou que, co actual nivel de protección do lobo, os ataques que se están producindo ás explotacións e ao gando “van ir en incremento e chegará un momento no que a actividade gandeira deixará de ser viable”. Algo que considera prexudicial no que se refire á supervivencia do sector primario galego e ao asentamento de poboación no rural.

 

Amosouse moi crítico co feito de que o Goberno central decidira aumentar a protección do lobo “unilateralmente” e “sen escoitar ás comunidades autónomas nin ao sector”, incidindo precisamente no papel dos gandeiros no control da fauna de lobo. “Os gandeiros e agricultores somos quen estamos custodiando o noso territorio porque estamos nel e coñecémolo”, engadiu.

 

Nesta mesma liña e en clave electoral, o coordinador de Medio Rural do PPdeG e tamén concelleiro en Lalín debullou as dúas opcións que se presentan ante os galegos de cara ás próximas eleccións europeas: “Terán que escoller entre o PP, que avoga pola convivencia e o equilibrio e lexisla desde o territorio; ou un PSOE e un BNG que representan un ecoloxismo radical obsesionado en converter aos gandeiros en xestorías asentadas no rural”.

 

“A xente ten que tomar nota de quen está lexislando no rural e para o rural, e quen lexisla en contra do rural a centos de quilómetros de Galicia”, rematou reivindicando que “a Galicia que funciona” con Alfonso Rueda á fronte é a que “está ao carón da xente do rural”.