lunes, 15 de abril de 2024

Toma de posesión dos conselleiros do Executivo galego


Esta mañá o
 presidente da Xunta, Alfonso Rueda,  defendeu a configuración do novo goberno galego do que asegurou que está baseado na procura da “excelencia” ante “os novos retos e novas oportunidades” de Galicia.

“Estaremos á altura e empezamos a traballar xa”, anunciou Rueda no acto de toma posesión dos doce conselleiros do novo Goberno galego no Pazo de Raxoi, do que asegurou que hai “vimbios para traballar, incluso mellor do que viñamos traballando ata o de agora, e cuxo labor xa era moi destacable”, enxalzou.

Con este obxectivo, anunciou que o novo goberno no vai “perder o tempo” e referendou o “compromiso real” do novo equipo, ao que cualificou de “doce mais un”,  para non defraudar a confianza depositada neles o 18 de febreiro. Neste senso, comprometeuse a que gobernarán para todos os galegos e galegas; “para os que nos votaron, e especialmente para os que non nos votaron para merecer a súa confianza”.

Deste xeito, Rueda insistiu en que o obxectivo do novo Executivo galego é “superar os gobernos anteriores”. “Agardo que os gobernos que nos sucedan nos superen tamén a nós. Iso quererá dicir que Galicia segue a mirar cara a adiante, que segue progresando e que as persoas encargadas de facelo posible colleron este labor con todas as ganas do mundo”, defendeu.

Agradecementos

Na súa intervención, Rueda agradeceu o traballo realizado polos tres conselleiros saíntes —Ethel Vázquez, Julio García Comesaña e Elena Rivo— dos que gabou os méritos e a capacidade demostrada nas súas responsabilidades ao fronte dos seus cargos na Xunta. “Moitísima sorte alí onde lles leve a vida no que eles decidan”, desexoulles.

Tamén eloxiou a “valentía” amosada por aceptar incorporarse ao Goberno galego aos novos catro conselleiros: María Martínez Allegue, como conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas; Antonio Gómez Caamaño, na carteira de Sanidade; José López Campos, á fronte de Cultura, Lingua e Xuventude; e María José Gómez Rodríguez, en calidade de conselleira do Medio rural.

“A nosa sorte será a sorte de Galicia”

Do mesmo xeito, estendeu o agradecemento por aceptar “continuar” aos oito conselleiros que permanecen no goberno galego: Diego Calvo, Ánxeles Vázquez, Román Rodríguez, Fabiola García, María Jesús Lorenzana, Miguel Corgos, Alfonso Villares e José González, este último como titular da consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

A todo o novo equipo desexoulle sorte, ao tempo que lles advertiu: “a nosa sorte será a sorte de toda Galicia”. En todo caso, garantiu que o novo Goberno galego vai traballar para que esa sorte se acompañe de traballo. “Normalmente é unha fórmula que funciona bastante mellor que só coa sorte”, matizou para concluír.