viernes, 22 de marzo de 2024

A Xunta autoriza a subscrición dun convenio coa Deputación de Ourense por 1,5 M€ para sustentabilidade turística en vilas termais e cascos históricos



O Consello da Xunta autorizou onte a subscrición dun convenio de colaboración coa Deputación de Ourense por 1,5 M€, que supón o comezo da execución da primeira das medidas do Plan territorial de sustentabilidade turística en vilas termais e cascos históricos que a Xunta de Galicia aprobou o ano pasado para desenvolver desde este ano 2024 cun investimento global de 23 M€ con fondos Next Generation.

Este plan territorial galego engloba oito estratexias en medio cento de concellos -como a aprobada hoxe- así como outras medidas para o impulso do termalismo e cascos históricos, como liñas de axuda, entre outras accións. 

O convenio aprobado permitirá, en concreto, poñer en marcha o Plan de sustentabilidade turística en destino Ourense colle velocidade, vilas históricas e termais que terá un ámbito de actuación na provincia de Ourense, con especial incidencia en 17 concellos: os da rede de vilas termais formada por Arnoia, Boborás, Cenlle, Castrelo de Miño, Cortegada, Leiro, O Carballiño, Ribadavia, Bande, Punxín, Lobios, Muíños, Baños de Molgas, Monterrei e Verín. Tamén nos conxuntos declarados histórico-artísticos de Castro Caldelas, Ribadavia, Allariz e Pazos de Arenteiro, en Boborás. 

Entre as accións inicialmente inseridas no plan que levará a cabo a Deputación de Ourense, inclúese, entre outras, adecuación de sendeiros termais, melloras de sendas peonís, plan de sinalización intelixente e accesible en cascos históricos ou un plan para mellora de equipamentos públicos para usos turísticos. 

Esta é a primeira medida do Plan territorial de sustentabilidade turística de vilas termais e cascos históricos deseñado por Turismo de Galicia con fondos europeos Next Generation para impulsar de xeito especial o turismo termal e histórico-cultural sustentable durante este 2024 e ata 2026. 

Inclúe a posta en marcha de oito plans de sustentabilidade en destino e que, no seu conxunto, beneficiarán ao redor de medio cento de concellos. Así, ademais deste plan coa Deputación de Ourense, tamén se inclúen os plans que se irán autorizando proximamente como o do centro histórico de Ferrol e Patrimonio militar da Costa Ártabra; o plan Mar de Santiago; e os do centro histórico de Betanzos, da vila de Bouzas (en Vigo), o de Tui, Allariz destino sostible e Ribeira Sacra. 

O plan territorial inclúe, ademais, a posta en marcha de medidas destinadas ao sector e aos concellos a través de liñas de axudas que se irán deseñando ao longo deste ano. Este Plan de vilas termais e cascos históricos é o terceiro que a Xunta de Galicia pon en marcha cos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para aproveitar o financiamento europeo, tras o Plan territorial de sustentabilidade turística do litoral (2022-2024) e o de Enogastronomía (2023-2025).