Hoxe a Xunta reuniuse esta mañá coas plataformas de persoas usuarias do tren en Galicia, que demandan solucións aos problemas de funcionamento dos servizos.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo este encontro de traballo, a petición das citadas plataformas que están a reunirse coas diferentes administracións e partidos políticos en Galicia.
Na xuntanza, os
representantes autonómicos escoitaron de primeira man as demandas destes
colectivos. En Galicia hai 80.000 usuarios recorrentes do ferrocarril, sendo a
4ª comunidade con máis solicitudes de abonos e sendo o Eixe Atlántico a 2ª liña
de media distancia con maior ocupación de España.
Segundo trasladaron
os usuarios, as deficiencias no mantemento das infraestruturas e os problemas
de xestión dos servizos están a impedir que o ferrocarril sexa un medio eficaz
para os desprazamentos cotiáns dos estudantes e dos traballadores en Galicia.
Os representantes
dos usuarios demandan a racionalización dos horarios para que se adapten ás
necesidades reais dos viaxeiros frecuentes, así como o incremento das prazas
necesarias.
Tamén se puxo enriba
da mesa a necesidade de paliar os retrasos, as avarías e incidencias que merman
a calidade do servizo. A ese respecto, reclamaron o plan de puntualidade
anunciado por Renfe en febreiro de 2023 e que continúa sen desenvolverse.
Ademais, defendeuse
de novo a recuperación do 100% dos servizos e frecuencias que existían antes da
pandemia e que están recollidos no actual contrato de Obrigas de Servizo
Público e que, polo tanto, deben realizarse.
Os usuarios e o
Goberno galego apostaron por procurar a mellor coordinación entre servizos de
autobús urbano e interurbano e os de ferrocarril, co fin de reducir o uso do
vehículo particular.
As plataformas
pediron que o Executivo autonómico continúe exercendo unha mediación activa,
trasladando, desde o diálogo entre administracións, a necesidade de introducir
melloras urxentes no funcionamento dos servizos ferroviarios en Galicia.
Nese sentido, a
Xunta lembrou as solicitudes reiteradas da Xunta ao Ministerio de Transportes,
a Adif e a Renfe para demandar actuacións que poñan fin aos continuos problemas.
Os participantes na
reunión concordaron en que, mentres continúen pendentes importantes actuacións
na rede ferroviaria da comunidade, non se está a obter todo o rendemento social
esperado dos investimentos xa realizados no Eixe Atlántico ou entre Santiago e
Ourense.