martes, 19 de diciembre de 2023

Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en aprobar os seus orzamentos para 2024

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe os orzamentos da Xunta para 2024, “un feito que amosa con gran claridade un dos piares fundamentais nos que se sustentan os importantes avances que acadou esta comunidade durante os sucesivos gobernos do PPdeG: a estabilidade social, institucional e política, que, por si mesma, supón un valor que aporta grandes beneficios ao conxunto da sociedade galega”, manifestou o portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos.

 

“Síntome moi orgulloso de militar nun partido que xestiona os recursos dos galegos do mesmo xeito que os galegos xestionan os recursos da súa familia”, indicou Pazos, quen asegurou que “este Goberno galego investirá os recursos dos galegos nas cousas que importan aos galegos e que non vai deixar buratos nas contas dos galegos, porque sabemos que para construír a Galicia que merecen os nosos fillos, os galegos sempre poderán contar con este goberno”.

 

Alberto Pazos lembrou que “Galicia se converte hoxe na primeira comunidade autónoma de España en poñer a disposición dos seus cidadáns as contas públicas para o ano 2024, aprobadas en tempo e forma a pesar dun Goberno central incapaz de facilitar, en prazos razoables, a previsión de entregas a conta ou a capacidade de endebedamento das comunidades autónomas”.

 

Neste sentido, engadiu que son os orzamentos máis altos da historia de Galicia: 13.357 millóns de euros dedicados exclusivamente a atender as necesidades das galegas e dos galegos. En concreto, apuntou que “se dedica o 75 por cento dos seus recursos a atender os catro piares básicos do Estado de Benestar: 5.165 millóns de euros a sanidade, 2.858 millóns a educación, 1.303 millóns a políticas sociais e 448 millóns a políticas de emprego”.

 

COMPROMISO CUNHA GALICIA MELLOR

 

“Tan só atoparán neste orzamento un compromiso firme coa saúde de todos, un compromiso coa educación dos nosos fillos, un compromiso co benestar dos novos avós e co futuro das familias galegas. En definitiva, un compromiso cunha Galicia mellor”, incidiu o portavoz popular, quen tamén se referiu á aporta do Goberno galego “por manter unha presión fiscal razoable, consolidando as rebaixas fiscais implantadas nos últimos anos e acordando novas rebaixas de impostos, como o de transmisións patrimoniais para a compra de inmobles ou de vehículos usados, ou a súa total eliminación no caso de vehículos de baixas emisións”.

 

Alberto Pazos reivindicou “a figura do bo xestor, esas persoas que foxen do estrelato, das extravagancias e das ideas peregrinas para centrarse no que realmente importa: facer que as cousas funcionen e mellorar a vida da xente que confía en ti”, porque asegurou que “ningún equipo consigue éxitos sen contar cun director brillante”.

 

Respecto das emendas realizadas polos grupos da oposición aos orzamentos, o portavoz popular sinalou que “me gustaría ter aceptado máis das súas achegas, pero preferiron centrar as súas emendas na demagoxia e elixiron antepoñer a ideoloxía ao sentido común e ao mínimo rigor”.

 

Así, explicou que o BNG propuxo “enormes recortes en concertos sanitarios, sociais e educativos, pero sen dedicar nin un só euro a garantir que se sigan prestando eses servizos esenciais”. “Recortan 150 millóns de euros na educación concertada, pero non nos contan onde van acudir os 33.724 alumnos que quedarían sen escolarizar se aceptásemos a súa proposta; pretenden dedicar 130 millóns de euros para violencia de xénero, pero para iso rebaixan 65,6 millóns de euros a partida que financia os centros de atención a maiores, en 46,1 millóns a partida da Risga e en 13,8 millóns a partida destinada á loita contra a pobreza e a exclusión social”, concretou.

 

Sobre as emendas do Grupo Socialista, Alberto Pazos dixo que “non faltan disparates, pero son pouco novidosos, coa habitual retahila de centros de día, escolas infantís ou centros de saúde orzamentados a prezos de saldo, sen facer unha mínima previsión do aumento de gasto corrente que suporía en anos vindeiros e, por suposto, sen que nin sequera existan terreos ou proxectos para abordar a súa construción”.

 

BLINDAR SERVIZOS PÚBLICOS

 

Pola súa banda, no debate do articulado dos orzamentos da Xunta para 2024, a viceportavoz popular, Paula Prado, asegurou que estas contas públicas “son a chave para blindar os servizos públicos dos galegos de hoxe e para seguir dando pasos na construción do mellor futuro posible para os galegos do mañá”.

 

“Galicia non para, e nós tampouco podemos parar, para seguir ofrecéndolle aos galegos medidas que melloren as súas vidas e uns servizos envexa de moitas outras comunidades autónomas”, apuntou.