martes, 5 de diciembre de 2023

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central a dotación de trens AVRIL e a conexión coa alta velocidade de Ferrol e Lugo, así como con Portugal

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que dote a Galicia, con carácter de urxencia, de como mínimo sete trens AVRIL; que impulse a mellora das infraestruturas ferroviarias que permitan, no menor tempo posible, a conexión coa alta velocidade de Lugo e Ferrol; que faga unha aposta real e decidida pola conexión por AVE con Portugal; e todo isto sen desatender os servizos ferroviarios convencionais. O portavoz popular de Infraestruturas, José Manuel Balseiro, situou como  “unha prioridade de país” a extensión e chegada do AVE a toda Galicia.

Balseiro reiterou “a demanda de Galicia de contar como mínimo con 7 trens 

AVRILpara facer posible a chegada da alta velocidade ás cidades que xa poden recibila, como Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo”. 

 

Así mesmo, pediu que o Goberno central “acometa a mellora das infraestruturas para que, no menor tempo posible, se sumen ao AVE as cidades de Lugo e Ferrol”. En concreto, considerou necesario que se executen as variantes ferroviarias dos Peares e Rubián, así como a planificación completa de actuacións e a urxente execución do bay-pass de Betanzos, que leva anos paralizado. “Son variantes ferroviarias proxectadas no seu momento polo Goberno de Mariano Rajoy e hoxe suprimidas polo Goberno de Pedro Sánchez”, indicou. 

 

CONEXIÓN CON PORTUGAL

 

Respecto da conexión do AVE con Portugal, o portavoz popular indicou que “é necesario facer unha aposta real e decidida pola conexión por AVE co país veciño”. Neste sentido, amosou a “preocupación porque mentres o Goberno luso está a demostrar que cumpre cos seus compromisos, o Goberno de Pedro Sánchez non ten dado ningún paso adiante”. “De feito, levamos tempo urxindo o desenvolvemento da saída sur de Vigo, do treito ata a fronteira lusa e a necesidade dunha nova conexión internacional sobre o Miño con Portugal”, dixo. 

 

“Pero a aposta pola alta velocidade non pode implicar, en todo caso, desatender os servizos ferroviarios convencionais”, reclamou José Manuel Balseiro, para o que considerou “capital recuperar as frecuencias suprimidas tras a pandemia; investir na modernización das instalacións, dos trens e dos equipos rodantes; ampliar a oferta de prazas; e contar co persoal cualificado necesario para a demanda existente”. 

 

Para rematar, Balseiro incidiu que “non podemos aceptar que Galicia perda o tren, nin a tecnoloxía do futuro, pero tampouco aceptamos fórmulas inxustas que impliquen que os galegos teñan que pagar cos seus cartos aqueles compromisos, obras e servizos como os ferroviarios, que corresponde financiarse con cargo aos orzamentos xerais do Estado”.