viernes, 17 de noviembre de 2023

Balance en clave galega, dunha investidura nacida dun fraude masivo aos cidadáns, pois Sánchez vai facer o contrario ao prometido en campaña electoral

Xa de volta a Ourense despois do acontecido no Congreso dos Deputados procede facer un balance en clave galega dunha investidura nacida dun fraude masivo aos cidadáns, porque o candidato do PSOE – tras perder as eleccións – vai facer o contrario ao prometido en campaña electoral.

O pasado mércores Alberto Núñez Feijóo deu voz aos millóns de españois que son un clamor en contra da amnistía e das cesións efectuadas por Sánchez aos independentistas a cambio de perpetuarse no poder.

Sánchez durmirá durante un tempo máis na Moncloa a conta de enganar aos españois e ceder á chantaxe ao Estado. Feijóo pode mirarlles á cara, porque nin lles mentiu antes, nin agora nin nunca. Decidiu non ser presidente a toda costa e respectar os seus principios.

O PP liderará con orgullo a oposición fronte a un Goberno que antes de nacer xa perpetrou o maior ataque ao Estado de Dereito da nosa historia recente. Os españois poden contar co PP, España non se rende.

Como expresou o presidente do PP, esta investidura:

- É un fraude electoral ao presentarse a uns comicios prometendo unha cosa e facendo logo xusto a contraria.

- É un exercicio de corrupción política, porque supón tomar decisións contra o interese xeral a cambio de beneficios persoais.

- É unha humillación a Sánchez, ao PSOE e aos españois. E Sánchez non ten ningún dereito a humillarnos a todos os españois.

Con esta investidura, o PSOE:

- Inicia un cambio do noso modelo de Estado autonómico pola porta de atrás para substituílo por outro insolidario.

- Está atacando a separación de poderes, pilar de calquera sistema democrático.

- E está disposto a consumar o maior retroceso en dereitos dos cidadáns desde a Transición. 


INVESTIDURA: NOVO SISTEMA DE FINANCIAMENTO

En Galicia sorpréndonos que se anuncie un novo sistema de financiamento para garantir recursos a todas as CC.AA. cando de xeito unilateral se chega a acordos que benefician a unha soa, pero que afectan a todas as autonomías e a todos os españois.

Desde Galicia levamos meses reclamando que se convoque o Consejo de Política Fiscal e Financiera (CPFF) que é onde se debaten estas cuestións e que leva ano e medio bloqueado.

O modelo actual leva evidenciando ao longo dos anos debilidades de deseño e, especialmente, unha falta de suficiencia global, polo que cada vez faise máis necesaria unha pronta revisión, que achegue recursos suficientes e garanta un reparto equitativo en función do custe dos servizos.
 

INVESTIDURA: DÉBEDA DAS COMUNIDADES E FONDO DE LIQUIDEZ AUTONÓMICA

Desde Galicia defendemos e defenderemos a igualdade de trato a todas as persoas, con independencia de onde residen.

Por iso, desde Galicia solicitamos con urxencia a convocatoria dun "Consejo de Política Fiscal y Financiera" para abordar entre todos as medidas a tomar, tanto en materia de débeda, como en relación co financiamento autonómico.

Son asuntos esenciais, que afectan á igualdade de todos, polo que deben ser abordados por todos, de maneira multilateral.
 

INVESTIDURA: EXTENSIÓN DA REBAIXA DO INVE AOS ALIMENTOS


Continuamos a botar de menos a demanda que levamos facendo desde hai tempo da necesidade da rebaixa de dous produtos tan importantes na dieta dos cidadáns como son a carne e o peixe.

E tamén botamos de menos outras formas no xeito en que se adoptan esas medidas por parte do Executivo central: sen diálogo coas CC.AA., sen consenso no Consejo de Política Fiscal e Financiera coas autonomías e sen explicar como se ían e se van financiar toda vez que se trata de medidas que afectan ás arcas autonómicas.


INVESTIDURA: TRANSPORTE PÚBLICO GRATIS

O anuncio da gratuidade do transporte público para todos os menores, mozos e desempregados non concreta os grupos de idade que alcanzará; nin as condicións, nin que transportes concretos ou se ten previsto ampliar esta medida ao público autonómico e local. Semella improvisado para gañar protagonismo.

O desexable sería que esa gratuidade viñese acompañada dun incremento de frecuencias e prazas que permita atender axeitadamente a demanda do ferrocarril e dunha mellora da xestión que lle poña fin, dunha vez, á degradación da calidade deses servizos e ao regueiro de incidencias que os usuarios sofren a diario.

Pola contra, Galicia é exemplo e referente en materia de transporte público, cunha política de bonificacións no autobús autonómico sostida no tempo e que vén aplicando desde hai anos:

- Pioneira en 2016 implantando a gratuidade no transporte público autonómico para a mocidade coa tarxeta xente nova, da que xa se benefician 160.000 mozos menores de 21 anos.
 
- Volveremos ser CC.AA pioneira ao aplicar, desde o vindeiro 1 de xaneiro, esta gratuidade tamén aos maiores de 65 anos.
 
 
INVESTIDURA: ACCESO Á VIVENDA

Ante o anuncio de mellorar o acceso á vivenda aumentando o bono para o alugueiro e impulsando unha liña de avais para permitir cubrir ata o 20 por cento da hipoteca, insistimos en que o bono alugueiro, debe estar debidamente dotado de fondos.

Cómpre lembrar que o impulsado no 2022 cobre unha mínima porcentaxe dos solicitantes e, ademais, debería de revisarse o seu regulamento para maior axilidade de tramitación.

En relación aos avais, en Galicia xa se está implantado e calquera regulación estatal debería ser consensuada coas comunidades autónomas.

 
INVESTIDURA: LIMIAR HIPOTECARIO

Consideramos que a medida de 38.000 euros ao limiar para que haxa máis beneficiarios que poidan acceder ao alivio hipotecario é insuficiente ante a situación xerada coa suba de tipos de interese hipotecarios.

Debería ampliarse o límite de ingresos ata 6,5 veces do IPREM, aproximadamente 54.000 €, que son os ingresos máximos que tradicionalmente se utilizan como límite para acceder a unha vivenda protexida.
 

INVESTIDURA: RECURSOS Á DEPENDENCIA

Agardamos que o anuncio de  redución de prazos para recibir unha axuda de dependencia veña acompañado de financiamento, xa que é moi doado prometer medidas cando son as Comunidades as que se fan cargo de aplicalas.

O Goberno central incumpre cada ano a Lei Estatal de dependencia que lle obriga a cofinanciar o 50% dos gastos nesta materia.

- No caso de Galicia, o Goberno autonómico asume o 70% desta contía mentres que o Goberno central tan só o 30% restante.

Galicia deixa de ingresar 150 M€ anuais para a atención a persoas en situación de dependencia, polo que a débeda acumulada desde a aprobación da Lei de Dependencia supera os 2.500 M€.
 

INVESTIDURA: REFORZO DO INGRESO MÍNIMO VITAL

Lamentablemente, polo que temos comprobado, o anuncio é máis un diagnóstico da  nefasta xestión do Goberno central que un compromiso real. Desde a aprobación desta renda mínima en 2020, o Ingreso Mínimo Vital caracterizouse por:

Atrancos no seu acceso
Reclamacións de pagos indebidos aos seus beneficiarios
- Un alcance moito menor do agardado

A que prometía ser a revolución das rendas sociais non logrou chegar o número de persoas que se agardaba. De feito, aínda a día de hoxe se manteñen a metade dos beneficiarios da Risga que había en xuño do ano 2020.

O Goberno galego reclamou desde o primeiro momento a transferencia da xestión do Ingreso Mínimo Vital para garantir que todas as persoas que precisan desta axuda a poida recibir. Unha transferencia comprometida polo ministro Escrivá no ano 2021 e que xa foi concedida a Comunidades Autónomas como o País Vasco ou Navarra.
 

INVESTIDURA: EDUCACIÓN PÚBLICA DESDE OS 2 ANOS


En Galicia a atención educativa xa é gratuíta oito horas diarias e once meses ao ano no 100% das escolas infantís e para todo o alumnado: desde os 0 ata os 3 anos.
 
Galicia foi pioneira en España en implantar a gratuidade en todas as escolas infantís. Unha medida histórica para as familias galegas que supón un investimento de 55 M€ ao ano de fondos propios da Xunta de Galicia e á que o Goberno central non achega nin un só euro.
 
Veremos como se concreta o anuncio feito na sesión de investidura polo candidato Pedro Sánchez, cuxo Executivo negouse ata agora de cofinanciar a gratuidade.
 

INVESTIDURA: PLAN PARA REDUCIR AS LISTAS DE ESPERA

Sánchez pide ás CC.AA colaboración na elaboración dun Plan para reducir os días de acceso a unha intervención ou as probas diagnósticas.
 
Desde a Xunta agardan que estas propostas para reducir as listas de espera veñan acompañadas do investimento que precisa, xa que se trata dunha cuestión especialmente sensible para a cidadanía, como non pode ser doutro xeito, e coa que están totalmente comprometidos desde o Goberno galego e traballando para seguir mellorando neste eido.

Por iso, a Xunta reforzou o traballo das quenda de mañá e tarde; para poñer todos os recursos sanitarios a disposición dos nosos pacientes co obxectivo de axilizar as intervencións e o acceso as probas.

Este esforzo, no que sempre queda marxe de mellora, ten feito que Galicia se manteña como unha das CC.AA con menor lista de espera (con 75 días de media polos máis de 120 días da media nacional). Concretamente, ocupamos a 3ª  posición no caso de intervencións cirúrxicas, só por detrás Madrid e Euskadi.
 

INVESTIDURA: PACTO DE ESTADO POLA SAÚDE MENTAL

Damos a benvida a este compromiso pola saúde mental do Goberno central e agardamos que este reforzo veña acompañado do investimento que precisa.

En Galicia preocúpanos e ocúpanos desde hai tempo o coidado da saúde mental da nosa poboación, por iso a Xunta xa leva anos traballando en reforzar os nosos recursos humanos e asistenciais:

- Artellouse o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024. Dotado con 83 M€ e que recolle a contratación de 241 profesionais, dos que xa están contratados máis da metade.

- Contamos en Galicia con 8 unidades de hospitalización de adultos, 1 unidade de hospitalización infanto-xuvenil, 8 hospitais de día de adultos, e 4  hospitais de día infanto-xuvenís.

- 41 unidades multidisciplinares de saúde mental de adultos e 9 unidades de saúde mental infanto-xuvenil

- 7 equipos de atención domiciliaria a persoas con trastorno mental grave dos que dispón o Servizo Galego de Saúde.
 

INVESTIDURA: SAÚDE BUCODENTAL E OFTAMOLÓXICA

Ante a oferta de ampliar servizos en atención primaria bucodental e oftalmolóxicos para mocidad, sempre que se trate de ampliar prestacións sanitarias, o Goberno central vai contar coa colaboración da Xunta, agora ben, estas medidas sempre deberán ir acompañadas dos recursos necesarios para levalas a cabo, do contrario, quedarán en papel mollado.
 
Desde a Xunta estase a ampliar progresivamente a nosa carteira de servizos para a poboación galega coa incorporación da especialidade dietista-nutricionista nos nosos centros de saúde este mesmo ano coa incorporación de 94 profesionais.

A carteira de saúde bucodental na atención primaria de Galicia é unha das máis amplas e completas de España, xa que inclúe prestacións dirixida:

- á poboación infanto-xuvenil de 0 a 14 anos
- ás mulleres embarazadas
- a persoas con diversidade funcional
- a grupos de pacientes con risco de cancro oral
- e a poboación xeral, entre outros
 

INVESTIDURA: CONTINUIDADE DO BONO CULTURAL JOVEN

Debemos advertir do mal resultado do mesmo como consecuencia da nefasta xestión do mesmo:
 
1 de cada 3 dos seus potenciais beneficiarios, mozos e mozas que cumpriron 18 anos, non o solicitaron.
 
Os trámites para poder obtelo son moi complexos e dificultan a súa obtención. Chegou a dicirse que é máis doado sacarse o Bacharelato que o Bono Cultural.

 
INVESTIDURA: ANUNCIO DA LEI DO ESTATUTO INVESTIGADOR

Pedro Sánchez incumpriu esta promesa mesmo antes de anunciala, pois a Lei de Universidades publicada en marzo indica: “No prazo de 6 meses desde a entrada en vigor, o Goberno presentará un proxecto de Lei do estatuto do persoal docente e investigador universitario”. Non o fixo.
 
É dicir, que a presentación do proxecto de lei leva como mínimo dous meses de retraso. Nin sequera temos coñecemento de que se sometera a exposición pública o anteproxecto
 
Cómpre sinalar, ademais, que durante os últimos 4 anos nos que se leva falando deste estatuto, as comunidades autónomas non fomos convocadas a ningún tipo de conferencia sectorial ou diálogo para abordar o tema.
 

INVESTIDURA: CREACIÓN DA LEI DE DEREITOS CULTURAIS

O mesmo Goberno central que non foi quen de aprobar durante a pasada lexislatura nin a lei de patrimonio histórico nin a de mecenado promete agora unha nova lei en material cultural: unha lei de dereitos culturais.
 
Polo tanto, Sánchez anuncia unha norma difusa e indefinida mentres deixa outras  no caixón.

O mellor xeito de garantir os dereitos sociais é apoiando ao sector cultural, facilitando a creación, fomentando o talento e o acceso das persoas á mesma.
 
Na Xunta, namentres, nos últimos anos sacaron adiante importantes leis no ámbito da cultura para as bibliotecas, os arquivos, os museos e para o patrimonio cultural.
 
E agora está impulsando a Lei de cultura inclusiva e accesible, unha norma pioneira que xa foi remitida ao Parlamento para o seu debate e pronta aprobación.
 

INVESTIDURA: ANUNCIO DE MEDIDAS EDUCATIVAS

Todo as medidas e esforzos que teñen como obxectivo mellorar o noso sistema educativo non poden ser máis que benvidas por parte do Goberno galego, que xa leva anos facendo esforzos, que se teñen reflectido en converter a Galicia como o 3º mellor sistema educativo, segundo informes sindicais.
 
Agora sen ven de asinar un acordo histórico que vai repercutir nas condicións laborais do profesorado con medidas como a redución de rateos, do horario lectivo e da burocracia, así como subas salariais para os docentes que se formen e os que desempeñen cargos de maior responsabilidade.
 
Por outra banda, se quere contribuír a financiar os comedores escolares como di, animámoslle a destinar cartos a Galicia e que aprenda deste servizo na nosa Comunidade,  un dos sistemas máis xustos e asumibles. A Xunta finánciao con 50M€ sen axudas de Moncloa e temos os prezos conxelados desde o ano 2013.
 
En canto ás bolsas para estudantes, son competencia estatal, polo que nos alegramos se quere aumentalas.
 
Finalmente, sobre rebaixar as taxas universitarias en España, celebramos que intente copiar a redución que Galicia practica desde hai 13 anos. Aquí levan conxeladas desde o ano 2011 aforrando 16M€ ás familias galegas.
 
 
INVESTIDURA: SUBA DO SMI CADA ANO

Ante o anuncio de aprobar o novo Estatuto de los Trabajadores, que garanta que o Salario Mínimo Interprofesional siga aumentando cada ano para manterse no 60% do salario medio, insistimos en que a negociación salarial é un asunto de calado que require do consenso de todos.

A suba do Salario Mínimo Interprofesional, polo tanto, debe contar co visto bo do empresariado, fundamental para que o noso tecido produtivo se consolide e, con el, a riqueza do país.

Demandamos medidas para todas as traballadoras e traballadores, para garantir o poder adquisitivo das familias. Por iso Galicia pide ao Goberno central:

- Unha carteira efectiva de medidas, máis alá dos salarios, que protexan o emprego e as familias
 
- Que apoie ás empresas e ao traballo autónomo como está a facer a Xunta de Galicia con medidas como a Cota Cero que se implantará en 2024 para as novas altas de autónomos (9,6M€), para seguir dándolle un pulo á economía e avanzar no benestar.
 

INVESTIDURA: SUBA DAS PENSIÓNS CONFORME AO IPC

As pensións constitúen un logro social que hai que preservar sen poñer en perigo o equilibrio do sistema. A revalorización suporá un esforzo extra para o sistema de pensións, xa de por si moi tensionado, mentres o Goberno non prevé activar o mecanismo de corrección que implicaría medidas de contención de gasto.
 
Certo é que os pensionistas terán un respiro ao ver vencellada a alza das pagas ao IPC. Pero este mecanismo pode ser pan para hoxe e fame para mañá. Por iso reclamamos garantías para a suficiencia das pensións no futuro.
 

INVESTIDURA: REDUCIÓN DA XORNADA LABORAL

Ante o anuncio de reducir a xornada laboral ás 37,5 horas semanais, incorporando incentivos para que as empresas ofrezan horarios máis flexibles e potencien o teletraball, o Goberno galego avoga e xa ten en marcha programas para promover unha xornada laboral flexible para adecuarse ao traballador do mellor xeito posible - defendendo fórmulas de conciliación- dentro das súas competencias.

Nese senso, Pedro Sánchez pretende atribuírlle ao Estado competencias das CCAA, cando anuncia incentivos para que as empresas ofrezan horarios máis flexibles e potencien o teletraballo.
 
Canto á redución da xornada a 37,5 horas á semana, é unha cuestión complexa que antes de lanzala é imprescindible abordala e consensuala no Diálogo Social.

 
INVESTIDURA: PERMISO DE 20 SEMANAS POR NACEMENTO

Sobre a ampliación do permiso de paternidade e maternidade ás 20 semanas, este anuncio semella contraditorio coa decisión do Goberno central de eliminar as bonificacións do 100% da cota á Seguridade Social que recibían as empresas polos contratos de substitución por maternidade.

Unha decisión que incrementa os custos laborais das empresas e pode supor un castigo á contratación de mulleres e homes en idade de ter descendencia, co que se desincentiva tamén o crecemento demográfico.
 
En Galicia estamos a demostrar con feitos o co firme compromiso da Xunta no eido da conciliación e da corresponsabilidade:
 
- En 2024 eleva ata os 6 M€ as axudas a entidades sociais para que desenvolvan programas deste tipo nos seus respectivos concellos.
 
Aumenta ata os 1,4 M€ as achegas para apoiar ás empresas a conciliación.

 
INVESTIDURA: LEI PARITARIA

Sobre a aprobación dunha Lei de Representación Paritaria que axude a romper os teitos de cristal, a Xunta non precisa leccións de feminismo do Goberno central, porque amosa con feitos o seu apoio sen fisuras á plena integración da muller en todos os ámbitos.

Unha tarefa que está a desenvolver con compromiso e rigor, mediante o deseño de políticas públicas baseadas en criterios de igualdade:
 
- A futura Lei de igualdade autonómica no seu articulado xa inclúe medidas para acelerar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no eido público e privado, fomentando a composición equilibrada nos órganos directivos.
 
- O VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, aprobado en 2022 con 935 M€, tamén incide na participación da muller en todas as esferas da vida pública e privada e na eliminación do teito de cristal.
 
- Impúlsase a igualdade laboral, avogando pola sustentabilidade social empresarial, e concienciando ao tecido empresarial de que o acceso da muller ao traballo e a postos directivos e de responsabilidade é rendible e redunda nunha maior produtividade.
 

INVESTIDURA: PACTO DE ESTADO LGTBI

Calquera avance neste senso é benvido para o Goberno galego, pero cabe recordar que o Goberno de PSOE e Sumar ten aínda sen aprobar a Estratexia estatal para o colectivo LGTBI, pola que as comunidades levamos anos agardando.

Non necesitamos exemplos porque:

Galicia é referente por ter unha lei propia que consolida o principio de igualdade en LGTBI

- No Foro de Identidades e Disidencias Sexuais estase a incidir na educación en igualdade

- A Xunta está a intensificar a súa colaboración coas entidades LGTBI no marco do Observatorio Galego LGBTIQ+ contra a Discriminación por Orientación Sexual e Identidade de Xénero e para levar a cabo campañas sobre recursos para o colectivo ou formación específica para o persoal das administracións

- Púxose en marcha o teléfono 028 Arco da Vella, un servizo dispoñible as 24 horas dos 7 días da semana e que presta información, asesoramento e atención fronte á violencia por LGTBIFobia.

- Incluíuse ao colectivo LGTBI no protocolo para combater as agresións sexuais no ocio nocturno.
 
Así, avanzamos na defensa dunha sociedade diversa na que todas as persoas teñan garantidos os seus dereitos.
 

INVESTIDURA: ESQUECEMENTO DO SECTOR DO MAR

Lamentamos que o sector marítimo-pesqueiro e a cadea mar-industria, tan importantes no tecido económico-social de Galicia, non tiveron nin unha soa referencia discurso de investidura. Certo é que era unha cuestión que se podía prever despois de quedasen fóra do acordo do BNG e PSOE para investir a Sánchez.

Advertimos que NON

- se garante a continuidade das axudas  aos mariscadores da Ría do Burgo afectados polas obras da dragaxe mentres non podan retomar a súa actividade normal.

- se desbloquea por parte de Transición Ecolóxica a dragaxe da Ría de Pontevedra, paralizada porque non autoriza o punto de vertido habitual autorizado, o que afecta a todas as dragaxes ao sur de Muros, impedindo moitas accións de rexeneración e saneamento.

- se mencionou en ningún momento a activación do Perte para o sector mar-industria.

E insiste Sánchez en desincentivar o consumo de pescados e conservas ao negar, unha vez máis, a rebaixa do IVE que pide o sector, mentres que si se prorroga esa vantaxe a outros alimentos.