jueves, 2 de noviembre de 2023

Na inauguracion en Expourense, do Salón internacional de turismo gastronómico Xantar

Asisto hoxe á inauguración da 24º edición do Salón internacional de turismo gastronómico Xantar, que se celebra ata o domingo en Expourense.

Interviron no acto o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor e o director xerente da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Rogelio Martínez.

Rueda, destacou  o valor dos produtos galegos á hora de consolidar á comunidade autónoma como destino enogastronómico de referencia e cualificou o Salón como un “exemplo de esforzo e un encontro emblemático para xuntarse”.

Reafirmou o compromiso do Goberno galego coa promoción dos produtos agroalimentarios e do mar, para o que se reservan partidas por importe de 17 millóns de euros nos orzamentos do próximo ano; ademais, por suposto, doutras medidas de apoio aos produtores, ou da futura Lei de calidade alimentaria.

Considerou que as excelentes materias primas galegas, xunto cun sector hostaleiro profesional e innovador, son pezas fundamentais á hora de consolidar a Galicia como un destino enogastronómico de primeira. Tanto é así, que a cociña é o segundo motivo que citan os viaxeiros que nos visitan. E, tal e como apuntou o presidente, cada vez son máis: ata setembro, Galicia rexistrou 5,7 millóns de viaxeiros aloxados, un 6% máis que o ano pasado, no que se conmemoraba o Ano Xacobeo.

O titular do executivo galego sinalou que a Xunta está a tomar diversas medidas para continuar nesta senda de crecemento sustentable. Así, citou a nova edición do bono turístico, que colleitou de novo unha gran acollida entre os usuarios que poden empregalo ata o 25 de decembro e ao que xa están adheridos máis de 460 establecementos en toda Galicia. Coa súa posta en marcha, conséguese desestacionalizar o turismo e xerar beneficios económicos en tempada baixa, xa que está previsto que poda mobilizar ata 2,5M€ no sector.

Outra das iniciativas impulsadas pola Xunta é o Plan de sustentabilidade turística de enogastronomía de Galicia, dotado con 34,5 millóns de euros de fondos Next Generation asignados a Galicia, e que, entre outras accións, está a permitir a posta en marcha de 13 plans de sostibilidade turística que beneficiarán a un total de 80 concellos galegos.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, afirmou  que este Salón proxecta entre os visitantes "a imaxe de Ourense como destino turístico e gastronómico de calidade".

Menor destacou o papel que exerce este recinto "na promoción da provincia de Ourense" coa organización de eventos como Xantar, "a única feira con selo internacional de turismo gastronómico recoñecida polo Goberno de España". Asegurando que esta feira, "emblema para a provincia de Ourense, vai máis aló das nosas fronteiras, deixando unha fonda pegada de Ourense e de Galicia nunha morea de países".

Dixo que nesta nova edición de Xantar, a Deputación de Ourense, a través do Inorde, participa cunha proposta gastronómica que se vertebra en torno á Vía da Prata, o principal itinerario xacobeo da provincia que atravesa máis dunha vintena de municipios. O restaurante da provincia de Ourense ofrece aos visitantes un menú que cumpre "cun dos eixos fundamentais deste mandato na Deputación: facer provincia", salientou Menor, quen agradeceu a colaboración de Cuevas e Coren, "que nos acompañan un ano máis para ofrecer aos comensais produtos quilómetro cero e que son exemplo de sustentabilidade"



https://xantar.org/#