viernes, 24 de noviembre de 2023

Aprobado o orzamento da Deputación para o ano 2024, o primeiro da etapa do presidente Luis Menor

Celebro como unha gran nova política que a corporación provincial de Ourense, no pleno ordinario celebrado hoxe, aprobara o orzamento da Deputación para o ano 2024.

Parabéns ao presidente Luis Menor que foi quen de procurar acordos nun momento no que o PP non dispón de maioría absoluta na Deputación.


Alcanza os 96.050.000 euros, cun incremento do 5,58 % que se traduce en 5.080.000 euros máis con respecto ás vixentes contas. 


O plan económico inclúe como principal novidade o novo modelo de financiamento en cooperación cos concellos, que baixo criterios homoxéneos de repartición distribuirá 17 millóns de euros entre as entidades locais no seu primeiro ano de vixencia.

No estado de gastos, o capítulo de persoal alcanza os 38,5 millóns de euros (40,08 % do orzamento) debido ao aumento previsto nas retribucións dos traballadores; para gastos correntes de bens e servizos destínanse 23,2 millóns (24,24%); e para transferencias correntes consígnase 21 millóns (21,92 %). A partida para investimentos reais ascende a 5,1 millóns, o que representa un 5,37 % con resto á cantidade total de gastos.


Por áreas de gasto, os servizos públicos básicos (Protección Civil; augas e medio ambiente; a Edar de San Cibrao; puntos limpos e plantas de transferencia; limpeza viaria; canceiras; ou parques e xardíns) teñen unha partida de 17,7 millóns (18,43 %); e para protección e promoción social destinaranse 4 millóns, incluíndo servizos como a teleasistencia (450.000 euros), o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) con 1,4 millóns; e o Punto de Atención á Infancia (PAI) con 230.000 euros. Cómpre engadir tamén a produción de bens públicos de carácter preferente (sanidade, educación, cultura e deporte...), área que contará con 10,9 millóns de euros.


O proxecto de orzamentos recolle ademais as previsións para os organismos adscritos á Deputación: Inorde, con 2,3 millóns; Consorcio provincial contra Incendios e Salvamento, 1,4 millóns; e o Consorcio de Augas de Valdeorras con 250.000 euros.


O documento reflicte unha previsión de ingresos de 80 millóns de euros a través de transferencias correntes do Estado, o que supón o 83,63 % do importe total dos ingresos, sendo así a principal vía de recursos da entidade.


Novo modelo de financiamento en cooperación cos concellos


A parte máis novidosa dos orzamentos é o novo modelo de financiamento para cooperación cos concellos, o Plan CooperOU, que se pon en marcha cunha dotación de 17 millóns de euros. Consta dunha parte fixa en función do número de habitantes e outra variable que terá unha partida de 8 millóns de euros e cuns criterios homoxéneos de repartición en base á poboación (50 %); núcleos de poboación (20 %); índice de envellecemento (15 %); e superficie do concello (15 %). Cómpre lembrar tamén outras dúas claves do plan, como son a flexibilidade no destino dos recursos e a simplificación administrativa.


O pleno tamén aprobou as bases para a aplicación deste plan, incluída unha emenda da presidencia para engadir aclaracións. Segundo estas bases, destinaranse a investimentos reais o 40 % "como mínimo" das achegas do novo modelo de financiamento; o 60 %, "como máximo", poderá ir a operacións correntes e amortización de débeda; haberá un réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta; consideracións sobre os programas de fomento do emprego; e flexibilízase tamén a prohibición relativa á inclusión no plan de actuacións financiadas por outras administracións.