O Bispo da Diocese, Monseñor Lemos Montanet na súa homilía, sinalou que «os santos son sempre moi actuais, a pesar de estar moi lonxe no tempo; a súa actualidade depende da heroicidade da súa vida e da elocuencia da súa mensaxe». San Martiño foi, na súa época, construtor de paz.
«No medio das graves tensións que estamos a vivir a todos os niveis, tamén bélicas, e que afectan gravemente ao noso mundo que é o escenario onde transcorre a nosa historia finita, nin sequera se salva a mesma terra percorrida polos Patriarcas e onde transcorreu a estancia física de Xesús Cristo neste mundo; tamén alí estalou, unha vez máis, un conflito bélico entre países veciños que ata o momento xerou unha gravísima destrución e moitas mortes de inocentes.
Ante estas situacións tan complexas, seguindo o exemplo de san Martiño, que foi chamado o “santo da misericordia” e ao que nos atrevemos a chamar “pacificador da sociedade” atopamos a elocuencia da súa mensaxe que hoxe desexa dirixir a todos os homes e mulleres da nosa sociedade para lembrarnos que “nada se pode facer en favor da paz se os sentimentos de hostilidade, desprezo e desconfianza e os odios raciais e ideoloxías obstinadas, dividen e enfrontan entre si aos homes (…) é preciso que todos convertamos o noso corazón e abramos os nosos ollos ao mundo enteiro, pensando naquilo que poderiamos realizar en favor do auténtico progreso do xénero humano se todos nos uniramos en proxectos de paz e de xustiza”.