miércoles, 4 de octubre de 2023

Galicia pechou setembro coa cifra de paro máis baixa neste mes desde hai 27 anos, aína que medrou en relación co mes anterior

 

Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) difunde hoxe os datos oficiais de paro rexistrado correspondentes ao mes de setembro de 2023.

Galicia:

Medra o paro rexistrado en Galicia no mes de setembro en relación co mes anterior en 2.918 persoas, un 2,28 %.  esta subida é un feito que se produce en Galicia todos os anos desde 1996 (agás en 2005 e 2020). 

Queda situada a cifra de desemprego en 130.643 persoas a máis baixa de toda a serie histórica (1996) nese mes.

Por sectores, 4.126 son da agricultura, 13.176 da industria, 8.828 da construción, 92.661 dos servizos e 11.852 do colectivo sen emprego anterior. 

A nivel interanual, isto é, con respecto ao mes de setembro do ano pasado, 13.466 persoas sairon en Galicia das listas do paro, o que supón un descenso do desemprego do – 9,34 %. 

Galicia é a quinta comunidade autónoma onde máis baixou o paro, avantaxando ao Estado no descenso rexistrado cun diferencial de 1,88 puntos.  O desemprego caeu nas catro provincias e nas sete grandes cidades e en todos os sectores económicos, liderando o descenso o primario (-13,61 %), seguido da industria (-12,44 %). 

Diminuíu tamén o paro entre os colectivos prioritarios para a Xunta. Así, a cifra de parados menores de 30 anos e de mulleres desempregadas son as máis baixas da serie histórica (2005) nun setembro. O número de parados de longa duración tamén caeu con respecto a hai un ano, sendo a menor cifra para este colectivo nun mes de setembro nos últimos 15 anos.

Ourense

Medra o paro rexistrado en setembro na provincia de Ourense en relación co mes anterior en 293 persoas, un 1,96 %.

O número de parados queda en 15.231 deles 6.248 son homes e 8.983 mulleres, 14.589 son maiores de 25 anos e 642 menores.

Por sectores, 745 son da agricultura, 1.600 da industria, 1.026 da construción, 10.349 dos servizos e 1.520 do colectivo sen emprego anterior.

A nivel interanual, isto é, con respecto a setembro do ano pasado, 1.577 persoas sairon en Ourense das listas do paro, o que supón un descenso do desemprego do – 9,38 %.