lunes, 2 de octubre de 2023

O PP de Ourense critica que se premie con 450.000 millóns aos independentistas, “mentres Valdeorras clama pola A-76”

Este luns, desde o PP de Ourense  difundimos esta nota de prensa:

"Hoxe as deputadas e deputados do Partido Popular pola provincia de Ourense, Ana Belén Vázquez, Rosa Quintana e Celso Delgado, critican que se premie con 450.000 millóns de euros aos independentistas, “mentres Valdeorras clama para que se poñan en marcha as obras da autovía A-76”.

Ante o próximo proceso de investidura, os representantes populares no Congreso advirten que Sánchez, con tal de permanecer no poder, cederá a unha chantaxe “que dará máis recursos a Cataluña e restará investimentos na nosa provincia”.

Para o PSOE de Sánchez, “a provincia de Ourense nunca foi unha prioridade”, destacan os populares. Hai proxectos estratéxicos como o saneamento e a depuración no cinto empresarial de Ourense ou a mellora das infraestruturas viarias e máis conexións ferroviarias “que van seguir baixo chave nos caixóns porque non haberá diñeiro para nós”.

Pero tamén o resto dos galegos van quedar esquecidos, lamentan, “pois seguro que veremos outra vez adiada a chegada da alta velocidade a toda Galicia”.

Medio billón de euros “é un prezo inasumible para a cidadanía ourensá”. Tamén para os resto dos españois, din as deputadas e o deputado no Congreso, “pois imos sufrir unha inxusta falta de recursos para contentar aos partidos da chantaxe ao Estado, que ademais se levarán amnistías e un referendo de independencia”.

En contraposición a Sánchez, “vimos estes días a un Feijóo que propuxo levar a toda España medidas que as galegas e os galegos levamos tempo desfrutando”.

Vázquez, Quintana e Delgado asumen o papel reivindicativo dos intereses de Ourense que exercerán no Congreso, subliñando que en Madrid terán un gran apoio en Feijóo para defender á provincia, “como tamén en Galicia co presidente Rueda”.