miércoles, 11 de octubre de 2023

Paula Prado salienta que máis do 30 por cento das resolucións aprobadas no DEA foran por unanimidade e 17 das 40 do Grupo Popular saíran adiante sen voto en contra da oposición

 

O Debate de Política Xeral celebrado estes días rematou esta mañá coa aprobación de 41 resolucións, das que máis do 30 por cento saíron adiante por unanimidade de todos os grupos. 

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado salientou que “17 das 40 proposicións non de lei presentadas polo Grupo Popular saíron adiante sen votos en contra nin de BNG nin de PSdeG, mentres que ningunha das propostas de BNG e PSdeG contaron co voto favorable unánime de todos os grupos”.

Prado, afirmou hoxe, no debate das propostas de resolución do Debate de Política Xeral celebrado no Parlamento galego que, “mentres Galicia non para e os galegos están orgullosos de que se mellore a vida das persoas que máis o precisan e se traballa por un futuro máis seguro e próspero para os nosos fillos e fillas”, BNG e PSdeG “levan anos inmersos nun día da marmota permanente, convencidos de que canto peor para Galicia mellor para eles”.

A viceportavoz criticou que o PSdeG “volvera poñer de manifesto neste DEA que, por enriba dos intereses dos galegos, defenden os intereses de Pedro Sánchez”. Así, lamentou que votaran en contra de defender as competencias de Galicia na xestión do dominio público marítimo-terrestre, da posta en marcha de medidas de conciliación e apoio ás familias ou a gratuidade total das escolas infantís de 0 a 3 anos.

Así mesmo, BNG e PSdeG coincidiron na súa oposición a resolucións do Grupo Popular para defender a condición de cidadáns libres e iguais en dereitos e obrigas de todos os españois, a rebaixa do imposto de transmisións de vehículos; á creación dunha sociedade público-privada que impulse e participe no desenvolvemento de proxectos de aproveitamento de recursos naturais; ao impulso dun PERTE cultural; na defensa da lingua galega; na ocupación das prazas de difícil cobertura na sanidade pública; ou na atención aos problemas de saúde mental.

“Unha das cuestións que máis chamou a atención deste Debate de Política Xeral foi o ‘non voto’ do BNG na resolución, consensuada entre o Grupo Popular e o PSdeG, de condena da acción terrorista levada a cabo polo grupo Hamas contra o pobo de Israel, poñéndose de lado ante a barbarie que se viviu nesta zona nos últimos días”, indicou a viceportavoz popular. Neste sentido, incidiu na resolución do Grupo Popular aprobada no DEA “de condena do terrorismo e de calquera discurso que xustifique, minimice ou non condene as súas graves consecuencias, pois provoca unha dor incalculable na poboación civil e a perda de vidas humanas, e nunca pode ser o medio para lograr obxectivos políticos, sexan os que sexan”.

Por último, Paula Prado concretou que o BNG tamén se opuxo a resolucións aprobadas sobre a loita contra o cambio climático e a promoción do transporte público ou a rebaixa do imposto de transmisións patrimoniais.